23 de septiembre de 2013
23.09.2013

Admirado Pereira

23.09.2013 | 00:01

Tras o empate fronte a Vilarreal, teño a impresión que algo non carbura como debera no Celta de Luis Enrique. Despois dun esperanzoso comezo por riba das expectativas, por terceira vez o equipo recunca no empate en Balaídos, sen ofrecerlle polo momento unha vitoria á esperanzada bancada. Unha igualada que, porén, resultou ser un excelente resultado fronte a un Vilarreal moi superior en calidade de xogo e oportunidades de gol, mais incapaz de superar nos momentos decisivos os reflexos tremendos do noso Yoel (o heroe do partido) nin evitar a pésima fortuna no remate do vigués Jonathan Pereira, onte un dos mellores xogadores sobre a lameira do Fragoso.

Nunha das súas intervencións diante dos medios, Luis Enrique explicou que para el a receita gañadora residía en dominar nas dúas áreas e marcar. Sen dúbida, unha excelente definición que sintetiza o misterio do éxito no fútbol. Dubido que fose esa intención gañadora a que utilizou o asturiano para artellar un once inédito con cinco defensas, no que quedaban no banco Oubiña, Nolito, Krohn Dehli e Cabral, e no que se incorporaban seis canteiráns, entre eles o novísimo Santi Mina, a quen se lle asignou con escasa fortuna a banda esquerda. Un experimento táctico arriscado, tamén un golpe de autoridade, dun adestrador que aparentemente non se casa con ninguén, nin sequera co gran capitán céltico.

Os celestes foron moi inferiores aos amarelos nas dúas áreas e apenas dispuxeron dun par de ocasións con certo perigo, si se poden cualificar como "oportunidades do gol" a falta lateral que Toni tirou con moito veleno na primeira parte e o único xute dun illadísimo Charles entre os tres paos tras unha hora de xogo. Aí quedou o pobrísimo balance dun equipo confuso e irrecoñecible que onte renunciou ao ataque, mais que tampouco soubo estar cómodo e á espreita no campo propio.

Unha actitude diletante que tivo a súa orixe nas enormes dificultades para sacar a pelota ordenada dende atrás, coma viña facendo até agora, xa que probablemente lle faltaba a xeometría variable deseñada polos pases de Oubiña e polo sistema de axudas creado coa súa presenza case invisible. A pesar de situalo Luis Enrique como teórico mediocentro condutor, Fontás xoga apenas como un voluntarioso e eficaz defensa central. Tanto a el, como a Costas e a Aurtenetxe abondoulles con preocuparse de que Giovani e, sobre todo, Pereira, non lle gañasen as costas unha e outra vez nos balóns divididos de Cani. Mentres en territorios máis adiantados, Álex López e Rafinha non atoparon nin o seu espazo nin a súa función, sometidos, sobre todo o brasilego, a mudanzas constantes de posición, entre o centro e a banda dereita, primeiro con Augusto e tras a xeira de trocos con Krohn Dehli. Faltoulle, en definitiva, o Celta onte un director do seu xogo, capaz de temperar, equilibrar, axudar e soster o equipo fronte a un rival de entidade.

Por ventura, a clave do empate estivo nas grandes paradas de Yoel no treito final do encontro como na escasa fortuna co gol durante todo o partido do admirado Pereira, un declarado celtista de corazón. O xogador do Santa Mariña deu onte todo un recital de xogo entre liñas e de capacidade de desborde, que daba envexa velo. Unha marabilla. Até en cinco ocasións Balaídos enmudeceu cos seus goles feitos, sobre todo cando Mallo sacou de cabeza un rebote baixo os paus que vimos dentro. No entanto, é de xustiza gabar a resistencia do Celta na última media hora, amosando a súa competitividade e capacidade de salvar un valioso puntiño fronte a un rival superior que non se conformaba co empate.

bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook