A etapa de onte terminou cunha chegada ratoneira, costa arriba e cunha certa dificultade que me obrigou a estar moi atento, aínda que a carreira estivese decidida. Houbo un tramo no que me quedei un pouco atrás polo acelerón que pegou Joaquín Rodríguez, porque eu non teño ese "reprise" e non son capaz de saír a por eles. O único que podo facer é apretar e con sorte alcanzalos despois. De feito eu unín o meu grupo co seu antes da meta. Cando arrancaron estes, eu coloqueime a roda de Bruseghin porque adoita levar unha marcha parecida á miña, pero como vin que non tiraba tomei eu a iniciativa.

Afortunadamente, non perdín tempo. Para poñerse líder sobra terreo e o mellor está por vir. Queda moita montaña por diante.

A etapa de onte entrañaba moita dificultade, pero ó final a fuga deu moita tranquilidade ós favoritos. De todas formas, superamos 3.700 metros de desnivel con moita calor. Outra proba de desgaste, e xa van nove.

Peroud, que estaba na escapada, adiantoume na xeneral, pero se ata o de agora non estaba na disputa é porque non debe ser un rival a ter en conta para loitar por cousas grandes. Neste tipo de escapadas poden sorprender algúns corredores. Ó mellor dentro dunha semana escapase outro que estaba distanciado na xeral, mete unha minutada a todos e ponse na pomada.

Tamén trunfou unha fuga porque ó Euskaltel, que vai primeiro, non tomou a iniciativa porque os escapados non eran perigosos para a xeral e así conserva as forzas de todos os seus soldados. Porque se traballasen por botar abaixo a fuga, volvería a tensión por gañar a etapa e alborotaríase o galiñeiro.

O meu compañeiro Gonzalo Rabuñal estivo enorme, na escapada. É un tipo que ten unha raza como poucos, aínda que o plan non lle saiu ben, pero seguro que de aquí ó final da Volta volveremos a velo nas fugas. Ademais, Moncoutie, que se vestiu o maillot de lunares, vai ser un rival duro para Serafín, pero seguro que o meu compañeiro non se achanta.

Hoxe xornada de descanso, faremos uns poucos kilómetros para que o corpo non se aplatane e aproveitar para durmir todo o que se poida.