Galiza 3 - 2 Irán

Galiza

Roberto; Aspas, Rubén, Adrián López "Piscu", Roberto Lago; Pablo Alvarez, Cabanas, Borja, Falqué; Julio Alvarez e Nacho Novo. Na segunda parte xogaron: Diego López (p.s.), Noguerol, Capi, Sito, Trashorras, Alex Bergantiños, Dani Abalo, Nano, Jonathan Vila e Losada.

Irán

Rahmati; Kaebi, Bengar, Ghorbani, Ashjari; Gholamnejad, Nouri, Zareh, Khalatbari; Rezaei e Borhani. Na segunda parte xogaron: Taleblou (p.s.), Nouri, Rafaei, Baou, Rahmati, Safi, Salehi e Khaleghifar.

Goles: 1-0; m.23, Nacho Novo. 1-1; m.32, Borhani. 2-1; m.59, Nacho Novo. 3-1; m.66, Losada, de penalti. 3-2; m.82, Khalatbari.

Árbitro: Iglesias Villanueva (Colexio Galego). Mostrou tarxeta amarela a Aspas (m.37), por parte da selección de Galiza; e a Zareh (m.40), por parte da selección de Irán.

Incidencias: Encontro amistoso disputado en Riazor ante uns 8.000 espectadores. O gaiteiro Xosé Manuel Budiño interpretou, no centro do campo, unha peza antes do partido e outra no descanso.

Nacho Novo adoecía por vestir a casaca albiceleste. Tardou catro anos en facelo. O seu nome era fixo nas listas de Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez, pero nestas datas a liga escocesa non para. Tampouco o fixo onte. Novo xogou o partido máis importante desa competición: Glasgow Rangers-Celtic Glasgow. O clasico da capital escocesa. Gañou (1-0) o equipo católico, o Celtic, nun encontro no que o ferrolano so xogou os últimos quince minutos. Ao rematar o encontro Nacho Novo montou nun vo chárter para aterrar en Alvedro con tempo de facer a súa estrea coa selección galega. Serviulle para ser aclamado por Riazor despois de asinar os dous primeiros goles do partido. Tras o segundo, Arsenio e Vázquez, os dous adestradores de Galiza, decidiron que era o momento do tributo, retiraronno do campo ao tempo que as bancadas do estadio coruñés berraban o seu nome en recoñecemento ao seu esforzo persoal e mesmo a súa actuación sobre o céspede, que serviu para que Galiza acadase o seu segundo triunfo na nova andaina como selección.

Novo adquiriu o rol de protagonista individual deste partido, pero a selección amosou un estilo de xogo propio dun equipo de fútbol que se coñece de hai tempo. Apostou, como fixera en encontros anteriores, polo bo trato á pelota e polo xogo combinativo diante dun conxunto, o de Irán, carente de experiencia, pero con folgos de abondo como para loitar polo encontro ata o asubio final. O bo fútbol tivo premio cos goles galegos, e a cada un deles a reacción dun conxunto, quer dicir, todos os futbolistas que estaban sobre o céspede formaron un so grupo en cada celebración. Non semellaba un amigable, para varios era moito máis, cecáis polo exemplo que deron algúns, chegados desde países de Europa para estaren so uns minutos coa camiseta de Galiza sobre a súa pel. Non é so o caso de Nacho Novo, que chegou voando e caae sen tempo, é tamén o de Ricardo Cabanas, un internacional helvético, que non rexeita lucir a albiceleste neste tipo de encontros. Son os que teñen, malia a reivindicación de milleiros de siareiros polas rúas das cidades galegas que son escenario destes encontros cada decembro.

Onte en Riazor non houbo celtistas, nen deportivistas, nen racinguistas, so houbo galegos. Trahorras, Rubén, Piscu, Pablo Álvarez, Nano, Losada, todos coa mesma camiseta, todos, con Roberto e Diego López, os capitáns, no procura dun triunfo perante unha selección, a de Irán, que é a campiona de Asia e xa clásica nos Campionatos do Mundo. Viña con xente nova, pero cun alto nivel competitivo, como o que amosou Galiza neste encontro. Primeiro foi San Lázaro, no reencontro da selección galega, quen loubou o triunfo de Galiza; Riazor e Balaídos son puideron ver dous empates; onte Riazor outra vez, celebrou a segunda vitoria dunha selección que amosou que despois deste cuarto paso cara adiante vai camiño de acadar a maioría de idade.

Desde o primeiro momento había unha idea na cabeza dos futbolistas: vencer. E venceron con espectáculo, algo que non hai na competición de cada semana. A defensa estivo firme, tanto no primeiro como no segundo tempo; o medio do campo soubo controlar o partido, con Cabanas e Borja e con Álex e Jonathan Vila; e Trashorras soubo conectar á perfección con Nacho Novo, foi excelsa a súa combinación que rematou no segundo gol, como na primeira parte o fixese Julio Álvarez, que onte voltou amosar o fútbol que leva nos seus pés e que en Almería non lle recoñecen porque viña a ocupar o sitio de Corona, un idolo da afección local. Onte xogou por diante dos pivotes, onde mellor desenvolve o seu xogo, desde onde os dianteiros sacan proveito á súa visión deste xogo. Foron tres goles, o terceiro de penalti do Chino Losada, e puideron ser máis.

Tres abondaron. Mágoa de que Roberto e Diego López encaixaron un cada un deles. Dous foron moitos para os iranianos, xa que tanto o porteiro de Osasuna como o do Villarreal foron espectadores de excepción. Foron os menos participativos, en parte polo esforzo dos seus compañeiros, cecais porque eles xa adquiriran a relevancia que da levar a cinta que os acredita como capitáns nun día grande para o fútbol galego que amosa que responde nos partidos da súa selección mesmo que sexan amigabeis. E iso que onte ir a Riazor era cousa complicada, o día era máis para estar na casa diante da televisión que para seguir o partido en directo. Houbo menos xente que hai dous anos, pero foron dabondo para amosar o seu apoio á selección.