Os campións olímpicos Antón Paz e Fernando Echavarri foron os grandes triunfadores da gala dos Premios Nacionais do Deporte Galego, que organiza a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral para o Deporte, e na que se premiou ás traxectorias máis destacadas nos diferentes ámbitos do noso deporte durante a tempada 2007-08.

Paz e Echavarri, que non puido asistir á gala ao atoparse disputando a Volta ao Mundo de Vela, recibiron o Premio Nacional do Deporte Galego, galardón que o ano pasado levarase o triatleta Javier Gómez Noya.

Ademais, os campión olímpicos na clase Tornado tamén foron recoñecidos, xunto ao palista cangués Carlos Pérez Rial, medalla de ouro en K-2 500 nos pasados Xogos Olímpicos de Beijing, co Premio ao Mellor Deportista.

A gala estivo presidida pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, quenes se congratularon, ante as máis de mil persoas que ateigaron o Pazo da Cultura de Pontevedra, dos "éxitos" do Deporte Galego.

Na categoría de mellor deportista con discapacidade o galardón foi para o nadador Sebastián "Chano" Rodríguez, que en Beijing sumou catro medallas máis ao seu brillante palmarés, mentres que María Bautista, de taekwondo, foi elexida como o/a mellor xuíz/a e Manuel Isorna, de piragüismo, como mellor adestrador/a.

Ilustres

Para outro dos ilustres do Deporte Galego, o padexeiro Alfredo Bea, tamén houbo recoñecemento, xa que o xurado concedeulle o premio á Mellor Traxectoria Deportiva.

A Mostra de Xogos e Deportes Tradicionais de Santalla recibiu o Premio á Mellor Iniciativa en Deporte Tradicional, e a selección galega feminina de remo, vencedora da I Bandeira da Concha Feminina, levouse o premio á revelación na tempada 2007/08.

Entre os asistentes, se atopaban deportistas galegos de Alto Nivel (DGAN) como Sara Álvarez, Saleta Castro, Borja Golán, Tamara Echegoyen, Elías Domínguez, Óscar Pereiro ou Eva Castro, entre outros; representantes das Federacións Deportivas Galegas; representantes das Universidades Galegas; clubs de Pontevedra e do resto do país; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a responsábel da área de dinamización sociocultural e de Deportes, María dos Anxos Riveiro, o tenente alcalde do concello de Vigo, Santiago Domínguez, e a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán.