Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Iván Carril Regueiro Adestrador do Club Deportivo Lalín

«Quero un Lalín valente, intenso e proactivo, pero non inxenuo»

«Estou súper contento co proxecto e ratificando que era a opción correcta; oxalá poidamos ter un ano bonito, un ano para desfrutar»

Iván Carril, nun partido de pretempada.

Iván Carril, nun partido de pretempada. / | BERNABE/JAVIER LALÍN

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Lalín

Como chega o Lalín a este inicio de tempada?

Chegamos con ganas e cunhas sensacións bastante positivas ao longo da pretempada. Temos ganas de que chegue ese inicio de liga e ver se somos quen de replicar cousas que estivemos facendo nestas semanas e que nos saíron ben, especialmente desde o punto de vista do funcionamento, máis alá dos resultados. Tivemos unha pretempada con rivais moi esixentes e outros de categoría inferior, pero que moitas veces vemos que se atragantan nestes inicios de tempada. Ao final, os partidos de pretempada son para o que son, pero nese sentido temos boas sensacións e chegamos con ganas e coa ilusión de que nos chega un bo momento para o inicio da liga.

Que foi o que máis che sorprendeu do equipo nestas primeiras semanas con el?

Xa sabía que o grupo que se sostivo do ascenso era moi competitivo e moi loitador. O que me sorprendeu foi a súa capacidade de asimilación e adaptación ás cousas que se van pedindo. Contra prognóstico, atopamos un funcionamento bastante depurado e similar ao que pretendiamos en poucas semanas, e iso é unha parte moi boa e positiva. Evidentemente, queda moito por traballar e moito por facer, porque ao final non podemos vivir dunha soa cousa, pero nese sentido estou sorprendido de que o grupo fose asimilando moi rápido os conceptos e as cousas que traballamos ou que lle pediamos.

Renovastes a plantilla practicamente nun 50%, cunha mestura de xuventude e veteranía. Como vai ese equilibrio?

Conservamos practicamente a metade da xente que ascendeu, con moita xente da casa e algunha incorporación que xa estivera aquí e que nos parecía importante para conservar esa sinal de identidade e ese arraigamento no pobo. Ao final nótase no día a día, nótase en que os xogadores están contentos, cómodos e están onde queren estar. E tamén no pobo, que se sente identificado co seu equipo e coa súa xente. Esa parte parecíanos importante e conseguímola. Despois incorporamos xogadores que nos desen as máximas garantías posibles para competir nesta categoría tan potente e igualada. Nalgúns casos conseguimos incorporar experiencia e veteranía e noutros pezas máis novas, pero con certa experiencia noutra categoría ou con esa proxección que intuímos que poden ter. De aí sae esa mestura, cunhas pezas con máis experiencia e máis contrastada e outras que están nun momento de medrar e de chegar á categoría. Creo que están ben preparados para o reto, igual que a maioría da xente que xogou e que renova, que cremos que chega nun moi bo momento de madurez para afrontar este reto da Terceira.

Como ve esta categoría, marcada este ano polo ascenso de Arousa e Compostela? Será máis igualada?

Nos últimos anos sempre había un Pontevedra, un Compostela, un Racing de Ferrol, despois o Arousa, o Lugo, o Compos, o Bergantiños... Sempre había algúns nomes e orzamentos que todos daban como favoritos. Este ano non sei cales poderían ser as apostas. A min cústame moito pensar quen pode ser o campión ou quen pode conseguir o ascenso directo, igual que me custa moito meter cinco equipos no play-off. Coincidiremos a maioría, probablemente, en dous ou tres equipos, pero creo que no resto vai haber diferenzas nas apostas. E iso antes de que empece a rodar o balón, porque despois esas contas nunca saen. Nos últimos anos xa se demostrou e este ano propoñemos todos unha Terceira moi igualada, diría que desde a metade da táboa cara arriba. Pode haber un equipo que pensemos que vai quedar segundo ou terceiro e que acabe oitavo ou incluso noveno. Entón haberá que ir vendo como vai transcorrendo todo.

Falou en varias ocasiónes de como lle gustaría que fose o teu equipo: intenso, xeneroso e con iniciativa. Como quere que se recoñeza o Lalín nesta categoría?

Os meus equipos, ou o que a min me gusta, aínda que outra cousa é que despois se consiga, son equipos intensos, proactivos, que propoñen, que saben que facer cando teñen a pelota e tamén cando non a teñen. É verdade que ao final enfróntanse a rivais que traballan, que fan as súas cousas e que ás veces o que nós queremos ou pretendemos non será posible. Pero, desde o punto de vista do que me gustaría e do que me ilusionaría, quero un equipo valente á hora de ter o balón e de propoñer, valente pero non inxenuo. Ao mesmo tempo, cando nos toque defender, tamén quero xente valente para defender alto e para apretar cara adiante. Non podemos obviar que haberá equipos que non se deixen defender moi preto da súa área e temos que ser tamén capaces de facer iso con solvencia. Hai moitas cousas para traballar e moitas cousas que tratar de facer ben. Imos paso a paso, con esa ilusión, esas ganas e ese contaxio desde dentro do campo cara fóra, para que a xente vexa unha imaxe recoñecible do equipo, máis alá de se ese día estamos máis acertados nas execucións ou menos.

A nivel persoal, que significa para vostede asumir un proxecto como este?

Estou encantado, súper contento. No momento no que falaron comigo, permitíronme coñecer un pouco a súa idea do proxecto e entendín que encaixabamos á perfección. Está claro que cando a xente quere contar contigo, fai o posible por convencerte e cóntache as virtudes, pero a verdade é que desde que cheguei o día a día está sendo moi bo. No club vexo a todo o mundo moi implicado e con moitas ganas de axudar e facilitar o traballo. Os xogadores, o mesmo. E o pobo está tamén moi ilusionado e volcado. A verdade é que estou súper contento e ratificando que era a opción correcta. Oxalá poidamos ter un ano bonito, un ano para desfrutar todos.

Tracking Pixel Contents