Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carreira popular

O Trail da Carixa reforza a súa aposta familiar e gastronómica

A sétima edición celebrarase os días 5 e 6 de setembro, con Pequetrail para os máis pequenos, servizo de colchoneta, novas sorpresas na bolsa do corredor e premios ao equipo máis numeroso

Corredores na proba do ano pasado.

Corredores na proba do ano pasado. / Bernabé / Ángel Abeledo

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Vila de Cruces

O Trail da Carixa celebrará a súa sétima edición os días 5 e 6 de setembro cun programa que combina competición, deporte familiar e promoción dos produtos de proximidade. A proba, con saída e chegada na praia fluvial da Carixa, en Vila de Cruces, consolídase no calendario galego cun formato que inclúe trail individual de 22 kilómetros, trail por relevos, trail por parellas, trail cadete, andaina e Pequetrail.

Unha das novidades desta edición será o reforzo das actividades para os máis pequenos. O Pequetrail celebrarase o sábado 5 a partir das 11.00 horas, con percorridos adaptados por idades: 500 metros para a categoría esquíos, de 2 a 6 anos; 1.000 metros para corzos, de 7 a 9; e 3.000 metros para xabaríns, de 10 a 14. Haberá premios para todos os participantes e, ao rematar, unha pequena merenda e tempo de lecer con colchoneta, grazas á colaboración de Tikolandia, da Estrada.

A xornada principal será o domingo 6. As probas de 22 kilómetros e a andaina sairán ás 10.00 horas, mentres que o trail cadete de 9 kilómetros comezará ás 11.30. A organización oferta 600 prazas repartidas entre as distintas modalidades: 200 para o trail individual, 100 para parellas, 100 para relevos, 50 para trail cadete, 50 para a andaina e 100 para o Pequetrail.

O evento dará tamén un salto na bolsa do corredor, que incluirá produtos dos dous concellos polos que transcorre a proba. Entre eles figuran as rosquillas de Abades, queixos de Covidiña, chourizos gourmet de Cárnicas Mosquera e os xa tradicionais queixos de Anzuxao. A maiores, haberá premios con comidas no Fogar de Breogán, en Lalín, e ceas no restaurante Don Din, en Vila de Cruces, ademais de achegas de Fisioterapia A Ponte, A Esgalla, Bar Galicia, as panaderías Mazas, González, Léveda e Altamira, Distribuciones Pampín e outros colaboradores.

A organización incorporará tamén un premio especial ao equipo máis numeroso, que se sumará aos trofeos previstos para as clasificacións xerais e categorías das diferentes modalidades competitivas. As inscricións están abertas a través de CCNorte ata o 1 de setembro, con tarifas que varían segundo a modalidade e con participación gratuíta para o trail cadete e o Pequetrail.

Tracking Pixel Contents