Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Hugo Rosendo Piñeiro Subcampión da Copa de España de descenso

«Na rampla de saída só existe a concentración absoluta»

O ciclista de Cerdedo Cotobade afronta esta fin de semana unha nova cita da Copa do Mundo en Andorra tras lograr o subcampionato de España

Hugo Rosendo, primeiro pola esquerda, no podio da última proba da Copa de España de Descenso, disputada en Huesca.

Hugo Rosendo, primeiro pola esquerda, no podio da última proba da Copa de España de Descenso, disputada en Huesca. / FDV_Externas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Co subcampionato da Copa de España de Descenso aínda moi recente, o ciclista de Cerdedo Cotobade Hugo Rosendo continúa sumando retos. O pontevedrés xa se atopa en Andorra para disputar esta fin de semana a quinta proba da Copa do Mundo, consolidando unha progresión meteórica que o levou, en apenas uns anos, de descubrir a bicicleta durante a pandemia a competir entre os mellores especialistas internacionais do descenso.

Como te sintes logo de conseguir o subcampionato?

A verdade é que me sentín moi realizado e moi contento. Non foi o primeiro posto, pero estivo moi disputado con Héctor Quinteiro, que finalmente gañou a Copa, e Orion Kirchmayer que quedou terceiro, así que estou satisfeito co resultado.

Como foi a experiencia de competir a ese nivel e con posibilidades de podio?

Había un pouco máis de tensión do habitual porque os tres primeiros estabamos moi axustados en puntos. Afortunadamente soubemos resolver ben a situación e xestionar a presión para conseguir este resultado.

Agora estás en Andorra. Fálanos da proba que vas facer esta fin de semana.

Estou en Andorra para disputar a quinta Copa do Mundo de descenso. É a miña segunda participación nunha proba da Copa do Mundo esta tempada e afronto este reto con moitas ganas de seguir aprendendo e competindo ao máximo nivel.

Como foi ese primeiro contacto coa bicicleta e que che fixo namorar do descenso?

Empecei a andar en bicicleta durante a corentena, porque era practicamente a única maneira de saír da casa. Pouco a pouco fun enganchándome e acabei completamente namorado deste deporte.

En poucos anos pasaches de comezar a competir a participar en probas da Copa do Mundo. Cando te decataches de que podías chegar a este nivel?

Foi unha evolución progresiva. Antes xogaba ao fútbol e cheguei á bicicleta case por casualidade. O segundo ano xa fun subcampión de España de descenso e aí foi cando vimos que podía ter futuro nas modalidades gravity. Nesa época tamén competía en XCO e enduro porque aínda non tiña claro por onde seguir.

Es de Borela. Tes algún lugar da zona onde adestres habitualmente?

Adestro moito no monte da Fracha coa bicicleta de enduro. Coa bicicleta de descenso adoito ir ao lago de Castiñeiras, en Marín, ou tamén a Ponte de Lima, en Portugal.

A maioría dos obxectivos desta tempada xa están cumpridos; agora queda o Campionato Galego

O descenso é unha disciplina na que a velocidade e o risco están sempre presentes. Que pasa pola túa cabeza xusto antes de saír da rampla?

É un deporte con moitos riscos e somos conscientes diso, pero na saída non podes pensar niso. Nese momento só existe a concentración absoluta.

Como é unha semana normal de adestramentos para ti?

Normalmente fago dous días de ximnasio, dous días coa bicicleta de enduro, outros dous coa de descenso e deixo un día para descansar.

Cal é o teu principal obxectivo para esta tempada? Hai algunha carreira que che faga especial ilusión?

A maioría dos obxectivos desta tempada xa están cumpridos. Agora o reto máis importante é o Campionato de Galicia de descenso, que se celebrará o vindeiro 26 de xullo en Xunqueira de Espadañedo. Espero chegar nas mellores condicións e pechar a tempada cun bo resultado.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents