Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música

O Festival Sinsal comeza a súa edición internacional con Carmen López na cámara semianecoica da Escola de Teleco en Vigo

A artista do Incio ofreceu un concerto de pequeno formato sen eco e sen reverberación

Un tema foi rexistrado en cilindro de cera, un método analóxico do século XIX que só empregan como proxecto o Sinsal e un museo de USA

Sinsal comezou este venres en Vigo e San Simón

O Festival SON Estrella Galicia Sinsal comeza na cámara semianecoica da Universidade de Vigo co concerto acústico de Carmen López.

O Festival SON Estrella Galicia Sinsal comeza na cámara semianecoica da Universidade de Vigo co concerto acústico de Carmen López. / Aigi Boga

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Nun espazo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, agóchase entre as portas un dos espazos máis estranos que hai na Terra, unha cámara semianecoica, na que case non hai eco nin reverberación do son. Teño que admitir que impresiona. Mide nove metros de alto e está deseñada para que o teito e as paredes absorban a propagación das ondas acústicas e electromagnéticas. Está tamén illada do exterior polo que parece un búnker acústico. Normalmente, profesores, alumnos ou investigadores de Teleco son os que fan aí as súas probas e experimentos pero este venres coincidimos nela 15 persoas alleas á facultade. Acudimos á chamada do Festival SON Estrella Galicia Sinsal. A organización decidiu iniciar alí a súa nova edición, a máis internacional, con sede na Illa de San Simón, Vigo, Oia e Braga.

Na cámara semianecoica, agardaba a musicóloga e artista Carmen López (tamén coñecida por Carmela co seu disco «Vinde todas»). Eran as 10.30 horas da mañá do pasado venres. O codirector do Festival Julio Gómez presentouna e agradeceu á Universidade de Vigo visitar o espazo. Ao longo da historia do evento, en varias ocasións realizaron concertos alí en formato reducido.

A cantareira e gaiteira do Incio (Lugo) explicou que se iniciou coa música tradicional galega: «É de onde parto. Para min, é importante o contexto, as cousas que me rodean. É o que lle dá significado ou razón de ser á miña música».

Carmen López, na súa actuación na cámara anecoica de Teleco en Vigo para inaugurar o Sinsal.

Carmen López, na súa actuación na cámara anecoica de Teleco en Vigo para inaugurar o Sinsal. / Mar Mato

Moscoso e Toutón, representados con Rosa, Aida e Elena

O primeiro tema que elixiu foi un das irmás Rosa e Aida de Moscoso, en Pazos de Borbén (Pontevedra). «Tiñan un xeito de cantar e un repertorio moi bonito. Eu non as coñecín pero escoitei moito delas. Un vídeo vino un milleiro de veces. Rosa contaba que había moitísimos anos un rei en Portugal que tivo que escapar. A raíña e a filla tamén e chegaron á fronteira con Galicia onde atoparon un túnel que deu lugar o Castelo de Villasobroso en Mondariz», comezou dicindo a cantareira.

A continuación falou do namoramento de como un mozo namorou da filla e lle compuxo unhas estrofas que Carmela interpretou. Tamén interpretou outras tres cancións máis nas que incluíu un tema da señora Elena de Toutón. Nesta, pediu a colaboración do público que a acompañou cantando uns «as» con notas longas en tres rexistros diferentes.

Minutos despois cantante e público pasaron a un espazo contiguo de igual altura pero sen aillamento acústico. Alí, si había eco e reverberación co que a música gañaba en cromatismo sonoro, enchía máis o espazo e emocionaba máis. A propia Carmen López recoñeceu, rematado o concerto, que lle custara moito cantar na cámara semianecoica, porque tiña que facer máis esforzo.

Un dos momentos especiais foi cando o artista sonoro Aleksander Kolkowski gravou nun cilindro de cera (propio de finais do século XIX) a voz de Carmen nunhas coplas. O formato é 100% analóxico: non precisa de electricidade para o rexistro nin para a reprodución. De feito, puido escoitarse a gravación segundos despois, o que abraiou á audiencia polo son antigo que semellaba pero cheo de sentimento.

A maxia dun cilindro de cera

O codirector do Festival Julio Gómez expresou que, para el, «é unha máquina do tempo. A lectura do surco (sobre a cera) ten maxia. En Sinsalaudio temos dous proxectos. Un é o da cámara semianecoica na que levamos 25 actuacións. O outro son as sesións San Simón que gravamos en cilindro fonográfico. Con esta, levamos máis de 50 sesións con artistas dos cinco continentes. Para os artistas, viaxar no tempo a unha máquina de finais do XIX ou principios do XX é marabilloso».

Actuación no primeiro día do Festival Sinsal en San Simón.

Actuación no primeiro día do Festival Sinsal en San Simón. / Aigi Boga

Sobre Aleks Kolkowski indicou que é un artista inglés «extraordinario» -de nai española e pai polaco- que acabou vindo a vivir a España. É un privilexio contar con el», xa que estas gravacións en directo no cilindro de cera de xeito programado só se realizan no Sinsal e nun museo de Estados Unidos. «Hai moi poucas persoas no mundo que se dedican a isto», engadiu.

Este ano, ademais, Sinsal presenta tres instalacións coa colaboración do Arquivo Sonoro de Galicia. Unha está dedicada aos primeiros discos da música galega na primeira metade do século XX; a segunda presenta gravacións de poetas galegos do século XX e a terceira, voces ilustres do galeguismo». Podemos atopalas nos miradoiros de San Simón e no espazo central durante a celebración do Festival que comezou onte pero proseguirá ata o domingo na illa para continuar na vindeira fin de semana en Vigo, Braga e Oia.

Ademais de Carmela, na mañá de onte, Sinsal contou coa actuación do compostelán Mateo Mena no Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico. Este foi no 1966, cando abriu, o primeiro planetario de España, segundo a organización.

Sinsal inclúe a NI-HAO, elixidas por Rosalía para o Motomami Tour

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia comezou tamén o venres na illa de San Simón e fíxoo coa balear Júlia Colom, o maliense Ben Zabo, as xaponesas NI-HAO!!!, os portugueses Travo e o galego Dr. Wampush (o xornalista musical lucense Xavier Valiño).

Dende a organización, destacan que no cartel houbo dúas estreas de artistas en España. Tratouse de Ben Zabo e das niponas NI-HAO!!!. Recordan que o seu tema «Matsuri-Shake» foi o tema de introdución escollido por Rosalía para o seu Motomami World Tour).

O festival sinalou que coidou con esmero un ano máis a programación e que esta «abrangue propostas estilísticas moi diversas, desde as premiadas pola industria (Paradís, de Júlia Colom, Mellor Álbum en Catalán nos Premios MIN 2026) ata recoñecidas polos programadores (Ben Zabo, seleccionado por Casa África para dar a coñecer ao mundo a explosiva cultura Bwa)».

Viaxe electrónico a Braga o día 31

O Sinsal prosegue hoxe sábado e mañá domingo tamén en San Simón. Hai que lembrar que para estas dúas xornadas os tiques están esgotados pero aínda quedan algún para as propostas da vindeira semana (xornadas do 31 xullo, 1 e 2 de agosto).

O 31 a cita viaxa a Braga, Portugal, nunha proposta en colaboración co Festival Semibreve. Nese día, o público poderá descubrir unha proposta de música electrónica, arte sonora e dixital.

O percorrido será polos espazos do Semibreve, nunha ruta polo centro histórico, espazos de exposicións, salas de concertos, museos, fábricas e tendas con encanto, incluída unha casa chea de libros. Será de 14.30 a 19.00 horas. Nos seguintes días, volverá a Vigo con María Rodés en Kaleido Logistics; un cartel secreto no Museo do Mar o sábado e con Alondra Bentley o domingo no Mosteiro de Oia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents