Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Bruxelas volve a bailar en galego con máis de 2.000 personas no EmigraSON

A cuarta edición do festival contou coas actuacións de artistas como Sabela, Ortiga, Baiuca ou The Rapants

Un instante do concerto de Sabela no EmigraSON

Un instante do concerto de Sabela no EmigraSON / IG: EmigraSON

A cuarta edición do EmigraSON reuniu en Bruxelas esta fin de semana a máis de 2.000 persoas en dous días de música galega.

Os organizadores destacan nun comunicado que a iniciativa, nacida hai catro anos como un proxecto autoxestionado para ofrecer á comunidade emigrada un espazo de encontro arredor da música galega, «é xa un evento de referencia dentro da axenda cultural» da comunidade autónoma no exterior.

Como en anos anteriores, a música tradicional abriu a programación desta edición cun pasarrúas por Bruxelas ata o Parlamento Europeo con A Roda e A Irmandade Galega na Suíza.

Na sala La Tricoterie actuaron 9Louro, Fer e Paloma Paloma, nunha proposta centrada nas novas sonoridades da escena galega actual que conseguiu esgotar entradas, e a xornada do venres pechouse coa actuación de Duendeneta Dilleis.

A sala La Madeleine acolleu o sábado a noite principal da cuarta edición do EmigraSON, que ampliou o seu aforo ata as 1.500 persoas tras esgotar entradas o ano anterior.

Sabela, Ortiga, Baiuca e The Rapants pasaron polo escenario e, no conxunto, o festival reuniu a máis de dúas mil persoas ao longo das dúas xornadas, nunha edición que contou coa participación de público procedente de ata 15 países, ademais de asistentes chegados desde Galicia.

O conselleiro de Emigración, José González, destacou en Bruxelas o labor e a implicación da organización deste festival na difusión da música galega actual e da lingua galega no corazón de Europa.

González expuxo que o EmigraSON concorda con outras iniciativas impulsadas desde o Goberno galego, como a xira de concertos que Luar na Lubre realizará no mes de marzo en Arxentina, Uruguai e Chile con motivo do seu 40 aniversario.

Do EmigraSON subliñou ademais a súa «conexión coas novas xeracións» en Bélxica, onde residen uns 3.200 galegos.

Tracking Pixel Contents