Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Setestrelo, a troupe olívica da ONCE, estrea a obra inacabada de Lorca

O Auditorio Municipal de Vigo acolle a montaxe teatral representada por 12 intérpretes, oito con discapacidade visual

O escritor deixou a peza sen rematar ao ser represaliado

Ensaio de Setestrelo, en Vigo.

Ensaio de Setestrelo, en Vigo. / Jose Lores

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Cando Federico García Lorca foi asasinado o 18 de agosto de 1936 nas primeiras semanas tralo golpe militar, o autor deixou sen poder rematar unha obra de teatro, «Comedia sen título». Agora, a compañía viguesa da ONCE, Setestrelo, leva a peza ás táboas do Auditorio Municipal de Vigo. A estrea é hoxe xoves ás 20 horas coas entradas gratis ata completar o aforo. Doce persoas conforman o elenco, das que oito presentan discapacidade visual.

«É un texto que pertence ao teatro imposible de Lorca, o máis vangardista que fixo, o máis persoal. El plantexa aquí moitas cousas: unha ruptura co teatro da época, o burgués que non contaba nada. El quería un teatro aberto ao pobo, que non fora só da elite», reflexiona Mónica Sueiro, directora da compañía da ONCE.

Engade que a obra trata moitas cousas. «Escollina –sinala– porque parece que foi escrita hoxe. Vivimos nunha época moi polarizada, coas augas moi revoltas e conflitos bélicos por todos os lados. A peza fala diso».

Ensaio do grupo de teatro da Fundación ONCE de Vigo, Setestrelo.

Ensaio do grupo de teatro da Fundación ONCE de Vigo, Setestrelo. / Jose Lores

O azar quixo que «Comedia sen título» sexa a nova montaxe de Setestrelo. Explica a súa directora que nun inicio estaban a preparar «As asambleístas» de Aristófanes cunha reescrita a partir .de improvisacións da compañía. Mais uns problemas de saúde de tres integrantes do elenco obrigaron a parar o proxecto e mudar de plan.

Un espectáculo complicado

«Tiven que pensar nun espectáculo que xa estivese escrito e non fose longo. Este texto de Lorca coñézoo ben. É complicado porque é moi simbolista», resume.

Respecto da complexidade da peza, reflexiona que para o propio elenco custa máis entender a proposta da obra pero «todas e a todos entenderon e teñen entusiasmo. A obra non se parece en nada á anterior, ‘Arroutada’. Este é un lugar de formación e a compañía ten que pasar por facer diferentes espectáculos. Non ten sentido facer sempre a mesma fórmula».

Unha das particularidades da peza é que só conta cun acto, xa que a Lorca non lle deu tempo a escribir máis. «Chegounos este primeiro acto completo por Margarita Xirgú, a súa actriz favorita.

Sabemos que a trama acontece dentro dun teatro en medio da representación de ‘O soño dunha noite de verán’», prosegue Mónica Sueiro.

Para a directora teatral, a obra fai reflexionar sobre unha sociedade prebélica que non leva a bo porto á xente.

Actuación en Gondomar e Redondela

Hai dous personaxes que resaltan inda que se trata dunha peza coral. Un é a autora que fala claramente ao público chamándoo hipócrita por ser unha sociedade acomodada. «Hai unha frase clave: ‘Por que imos ao teatro ver o que pasa e non para ver o que nos pasa?», resalta Sueiro.

A obra, tras Vigo, represéntana este domingo en Gondomar ás sete da tarde e o 6 de decembro no Multiusos de Redondela.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents