Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CONCERTO | Uxía cantautora

Uxía celebra os seus 40 anos de melodías: «A música ten o poder de ser un bálsamo para as feridas»

Uxía trae a Vigo este domingo, a partir das 19 horas, aoo Teatro Salesianos a súa xira dos 40 anos na música. Faino como colofón do Vigo Fem e co apoio da Concellería de Igualdade. Estará rodeada dos seus ‘incondicionais’ Pablo Novoa, Sérgio Tannus, Santi Cribeiro ou Isaac Palacín.

Uxía, en María Pita, o pasado verán.

Uxía, en María Pita, o pasado verán. / "CASTELEIRO; Casteleiro/Roller Agencia"; Casteleiro/Roller Agencia

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Nos anos 90, alumeou as radios e equipos de música de media Galicia con temas históricos como o «Eu chorar chorei» («Túa nai é meigha» no imaxinario popular). A súa voz é un monumento da música galega que, un día, se desprendeu de Na lúa para rodar soa. Neste século XXI de autotune, a mosense Uxía segue a apostar pola raíz e polo coidado da gorxa analóxica. E nós, agradecémolo. O concerto en Vigo será este domingo no Salesianos. As seguintes datas serán o 1 de novembro en Burela; o 23 de novembro en Narón e o 28 do mesmo mes en Carballo.

-Está preparando unha boa para este domingo...

Estou moi feliz porque reunín un elenco de músicos, algúns deles, de toda a vida como Isaac Palacín, que foi o meu primeiro baterista. Tamén está Santi Cribeiro que é dos acordeonistas máis importantes do país. Sérgio Tannus é o meu fiel escudeiro e despois convidei a Pablo Novoa para a dirección musical, tocar a guitarra eléctrica... É unha marabilla traballar con eles. Tamén estarán as miñas irmás; Ugia Pedreira na dirección escénica...

-«Será por flores» é a xira.

Chámase como a canción e pretende resumir estes 40 anos nunha carreira na que non só hai flores tamén espiños. Farei un percorrido non só con grandes éxitos, tamén haberá temas novos no repertorio. Os arranxos son todos actuais, démoslle a todos unha volta. Iso necesítao sempre o repertorio para cantalo con ánimos renovados.

-Na balanza, que pesan máis os pétalos ou as espiñas?

Eu creo que as flores pese a todo. Teño o oficio máis fermoso do mundo que é poder cantar para as persoas. A música ten ese poder de ser un bálsamos para as feridas e para min. A música sempre nos salva a xente que a escoita e a quen a facemos. Os concertos, ás veces, son unha especie de comuñón, unha especie de ritual. Nestes tempos tan escuros a arte vén ben para redimir este mundo tan deshumanizado e cruel. A música ten tamén poder transformador así que foi un altofalante para expresar o que defendo.

-Cales foron os momentos máis complicados: a crise do ladrillo, a COVID, outros...?

Nos momentos de crise, a xente aférrase máis á arte a pesar de todas as limitacións e os atrancos. Na covid, foi todo máis complicado, significou un parón de concertos. Eu tiven sorte porque puiden sacar adiante outro tipo de traballos e compoñer. Pero para moita xente foi moi duro. Pensei que era un momento para repensarnos como humanidade pero... ao final non foi así. Nese trance, acompañei os meus pais e foi moi bonita a convivencia na casa. Cada tarde, saíamos a aplaudir a sanidade e ofrecer unha especie de espectáculo cos veciños con escaleta incluída. Saiamos ao balcón a cantar. O curmán de meu pai saía co saxo a tocar! Ata nos saudaban amigas e amigos. Gayoso (o do Luar) foi moi amable; díxonos un día «Boas noites, Sanguiñeda!».

-Visualice a Uxía de hai 40 anos, como a ve?

A verdade é que creo que non era tan diferente como a Uxía de agora. A música era e segue a ser o centro da miña vida. Quizais cos anos adquires máis seguridade no que fas e no que queres cantar. Eu compuxen dende moi noviña e gañei ese festival de Bergantiños cunha canción propia pero, cos anos, fun gañando como compositora e a voz foi madurando para ben. A ilusión permanece intacta pese a todo. Agora gozo máis nos palcos. Ao viaxar moito, fixen rede e axudoume a ter unha visión da música máis aberta aínda que coas raíces ancoradas nesta terra.Cantando na miña lingua percorrín desde Xapón a Corea, Chile, Arxentina, Portugal que é a miña segunda casa...

-O primeiro disco en solitario foi «Estou vivindo no ceo».

Foi un punto e á parte hai 30 anos. Foi editado en Estados Unidos e Canadá con moi boas críticas. É un disco que me representa moito, aínda sigo cantando moitas das súas cancións.

-Nel, estaba o «Alalá das Mariñas», o tema que máis ten versionado nos discos. Por que?

Marcoume moito. O alalá é un canto telúrico. Ten unha forza especial. Ese alalá traspasa fronteiras, canteino en moitas partes do mundo e emociona dun xeito especial. Cando o canto conto que a letra é sobre alguén que vive nun paraíso e di adeus a ese lugar. Agora que se fala con frivolidade da emigración, a canción relata moi ben o que realmente supón.

-Vostede é unha maga da fusión dos ritmos galegos cos doutras latitudes. Como ve a fusión cos ritmos dixitais que fai a nova fornada galega?

Paréceme que a música galega goza dunha vitalidade que xa quixeramos nós hai moito tempo. A xente nova traballa coa música de raíz sen prexuízos. Enchen lugares impensables hai anos para a música galega. Isto non nace agora, é o traballo de Fuxan os Ventos, Voces Ceibes, Pilocha, María Manuela, Leilía, Mercedes Peón, Guadi Galego, Ugia Pedreira... As mulleres somos moi transgresoras no xeito de enfrontarnos á música. É necesario recoñecer o traballo desta xente e disfrutar deste momento. Nos festivais debe estar representada a riqueza da música galega. É importante saír fóra das fronteiras para o recoñecemento da nosa música.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents