Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A APG otorga a Julio Rodríguez o Premio Diego Bernal de xornalismo

REDACCIÓN

Vigo

A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade outorgar o Premio Diego Bernal 2026 a Julio Rodríguez González, director do xornal Atlántico Diario, ao que considera «un dos firmes valores do xornalismo galego contemporáneo».

A directiva da APG, constituída en xurado para a ocasión, destaca que «a pesar de ocupar dende moi novo postos de responsabilidadde, nunca abdicou do xornalista de raza que leva dentro» e valora especialmente «o seu talento, intuición, sagacidade e capacidade de traballo, así como o seu temperamento, que colócano sempre na posición óptima para valorar o alcance de cada noticia, reclamar esixencia e compromiso á súa xente na procura da mellor información e acadar finalmente a satisfacción do deber cumprido ante os lectores».

«Máis aló da redacción», engade o xurado do Premio Diego Bernal, «quen o coñece e trata destaca a súa bonhomía e sensibilidade, que dende hai anos o fai acredor do afecto e o recoñecemento da profesión, na que un bo número de xornalistas formáronse á súa beira».

Nacido en Quintela de Leirado (Ourense) en 1961, Julio Rodríguez é licenciado en Ciencias da Información, rama Xornalismo, pola Universidade de Navarra (1981-1986). A piques de cumprir corenta anos de exercicio profesional (o fará no ano 2026), iniciou a súa andaina xornalística en 1986 en La Región de Ourense, grupo no que desenvolveu a meirande parte da súa carreira.

Comezou como redactor e responsable de edición de La Región (1986-88), para convertirse logo en director adxunto do xornal Atlántico Diario de Vigo, cargo que ocupou entre 1988 e 1999. Entre ese último ano e 2002 foi subdirector de Informativos da TVG, canle na que posteriormente se convertiría en director de Informativos (2002-2005).

De volta á prensa escrita, Rodríguez pasou a exercer como director adxunto do xornal La Región (2005-2007), logo subdirector de Atlántico Diario (2007-2008) e, dende 2008 á actualidade, director dese mesmo rotativo.

Tracking Pixel Contents