Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresará este sábado 3 de xuño na Real Academia Galega (RAG) como membro de número, ocupando a vacante producida no ano 2020 polo falecemento da poeta Luz Pozo Garza.
A sesión extraordinaria pública terá lugar no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde creceu, a partir das 12.00 horas. A entrada é libre até completar o aforamento do teatro e poderá seguirse tamén en directo na páxina web academia.gal.
O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dará lectura ao discurso titulado 'A memoria, a historia e a política. A esquecida polémica Cela versus Paz-Andrade sobre a lexitimidade democrática, a memoria republicana e a Autonomía de Galicia en xullo de 1977', ao que lle dará resposta en nome da institución o coordinador da sección de Historia, Ramón Villares.
A RAG explicou que Lourenzo Fernández Prieto centra a súa investigación en dúas grandes liñas: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista.
Ademais, é coordinador do grupo de historia agraria e política do mundo rural Histagra, e dirixe tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios.
En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco que profunda na memoria das persecucións, das vítimas e dos victimarios. A través do proxecto interuniversitario 'Nomes e Voces', abriu unha serie de estudos que son unha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.
Ao longo da súa carreira, foi investigador principal de máis de 20 proxectos de investigación e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación.
No labor deste historiador tamén destaca a relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas. É membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).