María do Ceo cumpre 25 anos co seu son xenuino

“Se Rosalía nacera en Portugal, todos os fadistas a cantarían”, defende a cantautora que actuará o 2 de abril en Redondela

María do Ceo, nunha foto promocional.

María do Ceo, nunha foto promocional. / Mar mato

Mar Mato

Mar Mato

María do Ceo cumpre 25 anos de carreira e faino cun agasallo: o álbum “Galicia nai” , un disco de compromiso coa muller, coa terra galega, coa súa lingua e a paisaxe no que canta a Manuel María, Rosalía ou Neira Vilas, entre outros poetas. O 2 de abril actuará en Redondela; tamén noutra data na Festa da Lamprea.

Sinala DoCeo sobre o seu camiño que “os comezos foron moi duros”. Lembra cando pediu un préstamo para gravar o seu primeiro disco. Agora, tira de mecenazgo entre os seus seguidores. Porén considera que a chave para manterse en activo foi “ser xenuina e ser moi de raíz. Nunca mudei o meu estilo, sempre foi o mesmo, cantando fado desde Galicia ao resto do mundo. Non sabía que os galegos ían adorar a miña maneira de cantar”.

Sobre o seu primeiro álbum recoñece que “non estaba preparada e fun aprendendo a medida que me fun facendo como artista”. Recoñece que o mundo musical é efémero pero que no seu caso “empecei tarde, aos 38 anos. Intentaron cambiarme o rumbo, que me achegara aos boleros, ao tango... Pero nunca me deixei torcer. Foi o mellor que puiden facer”.

Á hora de debullar os temas do novo cedé, Do Ceo explica que “Galicia nai” é tamén o título dun dos temas composto por Armando González López, quen tamén asinou a “Morada de bágoas” e “O fado do Couto Mixto”.

Un ano antes de falecer Neira Vilas iamos facer un disco de colaboración. El comezou a facer poemas sobre a miña vida. Fixo un magnífico, “Tres ríos” ,que fala dos tres ríos nos que convivín; así como “Así era eu”. Os dous foron incluídos neste álbum. O resto quedan gardados para vindeiros traballos.

Respecto a “Morada de bágoas”, co lamento do fado portugués, indicou que “é a típica canción que che pon os pelos de punta. Hai tempo que quería facer unha canción sobre este tema porque xa está ben! Póñome enferma cada vez que leo e oio sobre asasinatos de mulleres. Dalgunha maneira coa miña voz quería protestar para apoiar a esas mulleres que pasan por este problema. Está ocurrindo agora mesmo con xente de 17 ou 20 anos. Creo que a solución está no respeto nas familias”.

Rosalía de Castro tamén é protagonista. “Había tempo que quería musicalizar a súa poesía. Centreime en ‘Miña almiña’ e “Para min non” . Se nacera en Portugal, todos os fadistas a estarían cantando pola melancolía da súa alma”, sinala María do Ceo.

En canto a “Adiós ríos, adiós fontes”, lembra que coñeceu a seu home e guitarrista nun río onde el tocaba cuns amigos. Entre as cancións que tocaba estaba esta. Funme achegando para escoitar. Aí, naceu a amizade, despois o cariño, o amor e o matrimonio. Eu pasei tamén a cantala sempre nas reunións. Nunca decepcionas con estas poesías e apetecíame despedirme no disco con esta canción musicada por Amancio Prada”. En canto ás sonoridades musicais, sinala que o fado é a marca pero con distintos subestilos como o tradicional, -Alberto e triplicado, que se diferencian no debuxo que fai o guitarrista cos sons.