O Murguía que nos convoca no centenario do seu falecemento

Enterro de Manuel Murguía.  | // ARQUIVO DA REAL ACADEMIA GALEGA

Enterro de Manuel Murguía. | // ARQUIVO DA REAL ACADEMIA GALEGA / Xosé L. Axeitos

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

No ano 2019 publicou Xosé R. Barreiro un dos seus últimos libros titulado Os incómodos. Dúas circunstancias xogaron un papel obstrucionista para que o devandito libro non tivese a repercusión e expectativas que a obra segue a reclamar. Un dos obstáculos foi a pandemia que nos recluíu nas nosas casas cando o libro comezaba a súa andaina intelectual; o outro foi o propio contido da obra, o perfil intelectual de catro personaxes, Francisco María del Valle Inclán, Manuel Freire Castrillón, Domingo Antonio Fandiño e Xoán Manuel Pereira. Os catro, inconformistas e transgresores, perdedores en definitiva, van ser vítimas da intolerancia e condenados a unha existencia fantasmagórica dentro da nosa cultura malia o xeral recoñecemento intelectual de que gozaron entre os seus coetáneos. Condenados, di o autor da obra, entre outras cousas, a non ter biografía.

Manuel Murguía e Rosalía de Castro, cos seus fillos.   | // ARQUIVO DA REAL ACADEMIA GALEGA

Manuel Murguía e Rosalía de Castro, cos seus fillos. | // ARQUIVO DA REAL ACADEMIA GALEGA / Xosé L. Axeitos

Pois ben, tamén Murguía, que exhumou e reivindicou a memoria doutros esquecidos na súa obra Los precursores (1886), foi á súa vez unha vítima máis, condenada a non ter biografía, tamén polo seu espírito heterodoxo e incómodo no contexto cultural da época. Ata que a partir de 1998 o profesor Barreiro, antes de que se lle dedicase o Día das Letras Galegas e case ninguén se acordase do hoxe celebrado Patriarca, comeza a ordenar os papeis de Murguía legados por Juan Naya (1914-1993), falecido este precisamente un 1 de febreiro, hai xustamente 30 anos sen que ningún dos historiadores oficiais se lembre da súa figura, imprescindible como fío condutor da galeguidade da familia Murguía-Castro. A partir deste momento comeza, coa axuda inicial da Fundación Barrié, a iluminarse, grazas á publicación do seu epistolario, unha vida de entrega a narrar a nación, a facer país por parte de Murguía. Os catro tomos do citado epistolario foron a chave que penetrou no sartego do esquecemento no que estaba Murguía ata ese momento. Como consecuencia, temos hoxe a biografía monumental debida ao profesor Barreiro (Murguía, 2012) á que debemos o Murguía que estamos a gabar, a chufar, xa que non estudar. Boa proba desta nosa cultura oficial tan gabanciosa como baleira é a persecución á que sometemos a determinados personaxes, acosados como presas venatorias, para incorporalos á cultura oficial, prestos para ser citados por doquier nos discursos que se lles redactan aos políticos no poder. Quedan así convertidas as súas voces de protesta reivindicativa en medicamento tópico de amplo espectro coma os antibióticos. Triste función.

Retrato de Manuel Murguía.  | // ARQUIVO DA REAL ACADEMIA GALEGA

Retrato de Manuel Murguía. | // ARQUIVO DA REAL ACADEMIA GALEGA / Xosé L. Axeitos

Proba irrefutable desta filosofía cultural que manteñen boa parte dos nosos organismos oficiais é que unha parte interesantísima da obra periodística e cultural de Murguía, as súas colaboracións semanais para o periódico La Crónica de Nova York (1860-1862), permanecen inéditas, e sen ser lidas por conseguinte, despois de máis de 163 anos de ser escritas. E facemos artigos sobre o periodista Murguía a base de adxetivos laudatorios, sen consistencia, baleiros coma os cabazos do Samaín.

A valoración abstracta que se fai de Murguía a base de adxectivos non nos permite aquilatar a dimensión crítica dunha obra encamiñada a comprendernos a nós mesmos como parte dunha cultura e dunha sociedade marxinada e interesadamente oculta no concepto castellano-céntrico de España. Un contexto, en definitiva, que, textualizado polo propio Murguía, garda numerosas semellanzas coa actual situación política.

Murguía é consciente desde 1856, tal como se recolle nas páxinas de La Oliva, da necesidade dunha historia de Galicia que nos rescate das brumas e tebras do pasado. Unha tarefa chea de dificultades.

Efectivamente a obra historiográfica de Murguía vai ser vítima do clima de exaltación nacionalista que se xenera polas guerras napoleónicas, denominadas de Independencia, e pola crise da idea imperial ocasionada pola independencia dos países americanos. Como consecuencia proliferan as historias xerais de España e os grandes mitos nacionais que pretenden reforzar as raíces do Estado-nación. A obra historiográfica que responde a esta pretensión é a historia de Modesto Lafuente (1806-1866) destinada a crear unha conciencia nacional providencialista, unida e cristiana. É o autor do concepto de Reconquista, todo un referente da súa deriva e que creou a imaxe das orixes da sociedade española e os rasgos inmutables da mesma onde se amosa a figura do Cid como modelo moral.

Acelerouse, ao mesmo tempo, un plan de institucionalización para incorporar estas ideas centralistas aos proxectos escolares e docentes: Escola Superior de Diplomática (1856), Arquiveiros e Bibliotecarios (1858) e, nomeadamente, potenciouse a Real Academia da Historia á que pertencen a maioría dos historiadores e que se converte no xendarme do centralismo, sempre protexida directamente polo mecenado borbónico. Como consecuencia as armas ideolóxicas do centralismo e do Estado español multiplican e afían os medios ao seu servizo: Biblioteca de Autores españoles de Rivadeneyra, Boletín da Real Academia da Historia, Colección de documentos inéditos etc.

Murguía ten que enfrontarse a toda esta maquinaria para lexitimar a historia diferenciada de Galicia tal como apunta en 1865 o seu amigo Pérez Reoyo, que chama “embozados detractores” a estas ferramentas ideolóxicas empregadas. Tan consciente é das dificultades que vai atopar que desde o primeiro momento apela Murguía á resistencia como arma para que as pequenas nacións poidan sobrevivir ao aniquilamento que as ameaza, tal como literalmente expresa no seu texto doctrinal El Regionalismo gallego.

O 12 de xaneiro de 1860, Murguía, un destemido mozo de 27 anos, dirixe ao presidente da Deputación de Lugo un escrito solicitando unha pensión de catro mil reais anuais para publicar unha historia de Galicia. A súa pretensión, di a instancia, é facer unha verdadeira “historia filosófica” alegando: “La historia de este infortunado país, es tan desconocida, están tan borradas sus verdaderas fuentes, son tan escasas y oscuras las noticias, se hallan estas tan viciadas y corrompidas que es imposible dar un solo paso sin tocar inmensas dificultades que no siempre le es dado al hombre vencer de una manera satisfactoria.”

A súa pretensión, prosigue, é facer unha verdadeira “historia filosófica”, expresión que reitera en numerosos artigos periodísticos nos que precisa teimosamente o que entende por esta expresión contradicindo moitos dos xuízos que se proferiron despois da súa morte e que o adscribían á escola francesa de Guizot e Thierry.

En realidade o historicismo que metodoloxicamente practicou Murguía foi máis unha actitude, que privilexiaba o punto de vista histórico para coñecer o presente, que unha escola. Explícao o propio Murguía cando quere descalificar a praxe historiográfica de Vicetto na súa obra Los reyes suevos (La Crónica, Nova York, 8 de xaneiro de 1861): “La historia ad narrandum está desautorizada, ad probandum es como se debe escribir si no se quiere sufrir la justa repulsa que dicho señor sufrió con la publicación de sus Reyes suevos, la obra más desgraciada de cuantas han salido de su pluma”. Murguía, en definitiva está a reivindicar as fontes documentais e arqueolóxicas e descualificando as fontes literarias, relixiosas e míticas nas que se sustentaba a historia anterior. Ingresamos na historia moderna, “facendo” a historia.

Toda esta loita, apenas insinuada neste artigo, foi causa de non poucas contrariedades e fonte constante de descualificacións persoais. Como aquela que o presenta colérico e insociable, en permanente conflito, como consecuencia da súa incorporación como funcionario ao corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios. Que non ten en conta que cando chega a Simancas atopa a todos os empregados entregados a facilitar, mediante copias manuscritas, o traballo dos académicos da Historia, o todopoderoso Gayangos entre eles. Cando quere poñer orde nese traballo topa, naturalmente, coa oposición de todo o aparato oficial.

Sorprendeunos inicialmente que Luís Seoane, cando argumentou desde as páxinas de Galicia Emigrante contra da política culturalista do galeguismo piñeirista, invoque a Murguía como autor dunha obra reivindicativa e crítica. E tamén Seoane, paralelamente, será descualificado como persoa de talente colérico e intolerante como Murguía. Cousas da vida, como diría Castelao.

*Académico numerario da Real Academia Galega