A Real Academia Galega presenta a programación do Día das Letras Galegas 2023 adicado ao pai da celebración, Fernández del Riego

Entre outras iniciativas, a institución publicará as cartas do intelectual galeguista con Otero Pedrayo e una biografía infantil teatralizada

Presentación da programacióin do Día das Letrsa Galegas adicado a Fernández del Riego.

Presentación da programacióin do Día das Letrsa Galegas adicado a Fernández del Riego. / RAG

R.V.

A Real Academia Galega (RAG) vén de presentar a programación do Día das Letras Galegas, adicado este ano a Francisco Fernández del Riego, pai desta celebración nacida en 1963. No que será o sesenta aniversario da 'festa da cultura galega', a RAG ten previsto un programa variado dirixido a todos os públicos que inclúe a publicación das cartas do intelectual galeguista con Otero Pedrayo ou unha biografía infantil teatralizada.

No acto de presentación, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, acompañado da académica Fina Casalderrey e o vicesecretario Henrique Monteagudo, adiantaron que, co gallo da conmemoración, o pleno extraordinario do Día das Letras terá lugar en Lourenzá, a vila natal de Fernández del Riego, mentres que Vigo, onde faleceu, acollerá un acto literario da institución académica, organizado da man do Concello e da Fundación Penzol, da que del Riego foi fundador e primeiro director.

Sesenta anos de Letras Galegas

Como lembra hoxe a RAG, en 1963, Rosalía de Castro convertíase na primeira homenaxeada do Día das Letras Galegas, celebración nacida por iniciativa de Fernández del Riego, quen a presentou no pleno da Real Academia Galega nunha proposta asinada tamén por Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo.

Sesenta anos despois daquel comezo, Fernández del Riego é agora o protagonista. A institución da que o intelectual foi tamén presidente entre 1997 e 2001 decidiu dedicarlle o vindeiro 17 de maio cadrando con outra efeméride, o seu 110 aniversario, e celebrarao divulgando a súa figura e obra ao longo de todo o ano cunha programación que abranguerá dende as achegas máis eruditas ata unha serie documental web.

“Don Paco foi un intelectual prolífico. Editor, ensaísta e crítico literario dalgunhas das primeiras obras de divulgación da literatura galega, foi un activista do galeguismo cultural incansable", suliñou o presidente da Real Academia Galega. "Pero del Riego destacou ademais como home de concordia que exerceu, coma ninguén no seu tempo, de ponte entre a Xeración Nós e os galeguistas máis novos, e tamén entre a Galicia da diáspora e o exilio interior no que el mesmo permaneceu”, salientou.

Dese papel de nexo do galeguismo no tempo e no espazo queda constancia de primeira man na inxente correspondencia que o homenaxeado mantivo cos persoeiros máis sobranceiros da cultura galega, milleiros de follas de papel que constitúen unha crónica da resistencia galeguista da posguerra de valor incalculable. Algúns destes epistolarios ou parte deles, como os que foi tecendo cos seus amigos Álvaro Cunqueiro e Ricardo Carballo Calero ou Xosé Neira Vilas, foron xa editados, pero quedaba aínda pendente a publicación das cartas que intercambiou con outro grande da cultura galega, Ramón Otero Pedrayo, que verán por fin a luz pública nunha edición da RAG ao coidado da investigadora Patricia Arias Chachero, avanzou Freixanes. 

O epistolario cruzado entre Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego está composto por máis de 450 documentos, un centenar deles do homenaxeado nas Letras Galegas de 2023 e o resto de don Ramón a del Riego, detalla a investigadora. “A relación, íntima e amical, que se reflicte nel supón un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra”, valora Arias Chachero. 

As últimas investigacións centradas na figura, na obra e no tempo de Fernández del Riego terán ademais como punto de encontro o simposio que a Real Academia Galega organizará, como xa é tradición, no outono. Pero o groso da actividade académica dedicada á divulgación entre o público xeral do legado do intelectual galeguista centrarase no primeiro semestre do ano. O vindeiro 6 de marzo, a RAG presentará a nova edición do seu proxecto para o público infantil, que ofrecerá unha biografía teatralizada na web primaveradasletras.gal.

Seguindo o camiño autoral inaugurado o ano pasado coa narradora Ledicia Costas e a escritora Blanca Millán, desta volta Eva Mejuto, gañadora do último Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, asina 'As cousas de don Paco', un ameno percorrido pola vida de Fernández del Riego a través do testemuño dos obxectos que sempre o acompañaron, que ilustra Lucía Cobo

A presentación da Primavera das Letras 2023 terá lugar no CEIP Juan Rey de Lourenzá, a vila natal do homenaxeado, e concluirá coa proxección da curtametraxe 'A orixe da nosa lingua guapa', a produción audiovisual baseada nunha idea orixinal de Fina Casalderrey coa que a RAG inaugura un novo espazo para a divulgación da lingua e da cultura galegas.

A páxina web ofrecerá ademais actividades interactivas para conectar os nenos e nenas de forma lúdica co universo de del Riego, explica a académica, responsable desta plataforma dirixida ás etapas de infantil e primaria. A lingua será ademais a cerna dos contidos especiais das Letras Galegas 2023 que ofrecerá o Portal das Palabras, o espazo web da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a difusión do noso léxico.

De Lourenzá a Vigo

Lourenzá e Vigo serán espazos centrais da serie web documental que a Real Academia Galega lle dedicará ao homenaxeado. Seguindo o ronsel iniciado nas Letras Galegas de Xela Arias (2021), a institución narrará dende o audiovisual os principais fitos da traxectoria do autor nunha creación realizada pola produtora Miramemira. A serie estrearase no mes de marzo na canle de Youtube da RAG e no espazo adicado a Del Riego na web institucional, onde pode lerse xa unha biografía do intelectual escrita polo académico correspondente Ramón Nicolás e a tribuna de apertura do ano do presidente da institución.