Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Violeta Mosquera Batería e vocalista de Bala

"Maleza supón a consagración dese son Bala tan característico"

A batería e vocalista do dúo rock galego do momento aborda o seu regreso aos grandes escenarios e a presenza das mulleres na música: "A diferenza entre homes e mulleres na música non só se dá enriba do escenario, tamén acontece detrás"

Violeta Mosquera durante un concierto de Bala. Leo López

Convertéronse no dúo de rock do momento en Galicia e deixan unha fonda pegada en cada escenario ao que se suben. As galegas Anxela Baltar e Violeta Mosquera forman Bala, unha das bandas máis prometedoras do panorama do rock e do metal a nivel nacional e mañá serán as encargadas de abrir o Barbeira Season Fest, que durante esta fin de semana vai celebrarse en Baiona.

Lucense de nacemento e pontevedresa de adopción, Violeta é a batería e vocalista do dúo e analiza como está sendo a súa volta aos grandes escenarios tras dous anos de pandemia, así como a presentación do seu novo traballo, "Maleza", por todo o alto.

Anxela Baltar y Violeta Mosquera, de Bala. Leo López

-Non cabe dúbida de que 2022 é o ano do regreso da música aos grandes escenarios, aos festivais, como está vivindo Bala esta volta?

-Con moitísima ilusión e con mogollón de alegría, porque para todos foron difíciles os anos da pandemia, e poder voltar a ver grandes multitudes, grandes grupos, bandas que xiran, que antes non se podían ver como público e como música, volver a ver pogos, que a Bala lle dan moita vida, ter xente liándoa no concerto en primeira fila, a verdade é que está sendo unha pasada.

-Notaredes a diferenza, achégase outra calor.

-Totalmente, é que non ten nada que ver. O ano pasado pasámolo tocando para xente sentada, entón, a diferenza é considerable. É algo que percibes cando estás tocando e que tamén che dá pé a desfrutalo moito máis e a deixarte levar moitísimo máis.

-E Bala non é que sexa precisamente un grupo para ver e escoitar sentados…

-Si. Efectivamente, non é unha música para estar calmado (risas).

-Seguides inmersas coa presentación de “Maleza”, como está sendo o percorrido deste novo traballo, estades satisfeitas?

-Estamos súper contentas. A pandemia retrasou moitísimo a saída do disco, que estaba previsto para 2019, pero ao final non puido saír ata 2022, entón o ano pasado empezamos con cousiñas, pero foron actuacións moi puntuais, para xente sentada. Obviamente, tiñamos que dar eses concertos, porque sacar o disco e deixalo morrer aí era unha mágoa. A verdade é que nos gusta moito este traballo, así que este ano xa estamos con outras condicións e estamos presentándoo dende xullo nos festivais, porque tivemos que adaptarnos tamén á maternidade de Anxela, pero dende aí, estivemos tocando en festivais durante todas as fins de semana. Salvo en Zamora, Portugal e León, tocamos por toda Galicia.

Mañá remataremos a quenda dos festivais tocando no Barbeira, en Baiona, e logo xa iniciaremos a xira polas salas. Imos dar un concerto no Playa club, na Coruña, que vai ser algo distinto porque imos colaborar con Lúa Mosquetera, e logo xa iremos por salas a Tenerife, Sevilla, Madrid, Barcelona, etc, para achegarnos a estas cidades nas que non estaremos en festivais, pero nas que consideramos que temos que presentar o novo disco.

-É dicir, que as próximas datas para Bala veñen con perspectivas positivas.

-Si, seguimos a tope todas as fins de semana ata novembro. Aí pararemos un chisco, e logo comezaremos de novo a partir de xaneiro. Agora xa non vale parar.

Violeta Mosquera tocando en un concierto de Bala. Leo López

-Como evolucionou Bala en "Maleza" con respecto ao anterior disco, "Lume"? Cales son as principais diferenzas que destacarías?

-Diría que "Maleza" é o noso traballo máis maduro, por así dicilo. Ao principio estabamos aterrando no que queriamos facer en "Lume" e "Maleza" si que xa foi máis encarado á consagración dese son Bala característico. Ten cousas novas, por exemplo, estivemos experimentando con harmonías vocais, que ata agora non faciamos; temos tamén colaboracións, que é algo que nos está gustando moito e que probablemente manteñamos en futuros traballos e, en canto a sons, cremos que está todo máis definido, achégase máis a esa idea mental que tiñamos nós dende un principio.

-Volvendo á cuestión dos festivais, hai pouco publicouse un estudo no que quedaba reflectida a gran diferenza entre grupos integrados por homes e os compostos por mulleres que teñen presenza no panorama musical. Vós estades rachando esa barreira, pero cales son as vosas impresións dende dentro?

-Non me gusta ser pesimista e sempre procuro lanzar mensaxes optimistas con respecto a esta cuestión. Cada vez hai máis mulleres tocando e facendo cousas, agora ben, a realidade é outra ben distinta, remítome a ese estudo marabilloso das Mulleres Galegas Ilustradas. A realidade é que seguimos sendo unha minoría total, a pesar de que se podería facer moito mellor, porque xa se está vendo que hai mulleres músicas e a pesar de que todos os anos se elaboran diretorios de bandas femininas, seguimos sendo as menos. O que quero dicir é que si hai ferramentas, pero o que creo eu que non hai é moita vontade. Pasa en todo tipo de festivais, independentemente do xénero musical, pero no rock si é así.

Isto é algo que sempre me gusta dicir, e é que a diferenza entre homes e mulleres na música non só se dá enriba do escenario, tamén acontece detrás e en todas as profesións relacionadas coa industria musical e cultural: dende técnicas de son, en produción, iluminación,... A súa presenza segue sendo minoritaria. Desgraciadamente, eu penso que queda aínda moito camiño por recorrer.

Anxela Baltar y Violeta Mosquera sobre el escenario en una actuación. Leo López

-Se cadra esta pregunta sería máis axeitada para Anxela, pero antes facías referencia a súa recente maternidade e a que o dúo tivo que adaptarse a esta nova realidade. En moitas traxectorias profesionais supón un punto de inflexión, vós como o estades vivindo?

-Pois a verdade que dun xeito moi doce. Agora imos aos concertos cun bebé (risas) e é moi bonito. Non creo que haxa máis atrancos que cos que se atopa calquera muller cando é nai en calquera profesión. No tema da conciliación segue sendo complicado, pero non por iso imos deixar o que nos gusta, tanto profesionalmente como familiarmente. Seguimos adiante con moito máis agarimo e con moitísima máis planificación, porque facer unha xira cun bebé implica que as cousas teñen que estar máis organizadas, a que hora se chega, as paradas técnicas para darlle de comer, as condicións... A Zamora por exemplo non a puidemos levar porque era plena ola de calor, pero é moi ilusionante e a min fixéronme madriña, así que eu estou moi contenta e a nai agradecida de que lle boten un cable.

-Bala ten un recoñecemento internacional e deixa pegada alá a onde vai, segue sorprendéndovos que vos recoñezan pola rúa ou xa o tedes máis normalizado?

-Segue sorprendendo, porque ao fin e ao cabo para nós o que facemos é algo tan natural e normal que ver como hai xente que nos toma como celebridades, pois é algo que nos resulta curioso, pero estamos moi agradecidas. É xenial que te recoñezan polo que fas, dá igual que sexas filósofo, músico ou o que sexas, está xenial e estamos moi agradecidas. Pero tamén é certo que é algo ao que non nos queremos acostumar, porque non nos gusta idolatrar e este rollo que agora se leva tanto de ser famoso a toda costa. Non é algo que nos interese en absoluto, o que nos interesa é a nosa música, pasalo guai e facer moito ruído. Que nos recoñezan foi algo colateral, nunca foi o obxectivo de Bala nin o vai a ser.

Compartir el artículo

stats