Xa desde o título, Hai Sede na Nova Galicia naceu para ser unha canción de rock. E a peza da Galicia Infinda amosa ao Florencio Delgado Gurriarán máis heavy cos seguintes versos: Sede nos ermos outeiros e nas poeirentas chairas, nos arpados nopaleiros e nas enxoitas airas. Nas lagúas enlamadas de arneiro xabre cinguidas, sede nas irtas valgadas e nas terras espidas. A golpe de guitarra e batería, cunha voz que parece chegar do máis alá, o dúo vigués de metal Dioivo revela todo o significado da poética Gurriarán: exilio, morriña pola terra perdida, certa carraxe... E esa sensación que só o portugués pode verbalizar: saudade, saudade.

Jacobo Mouriño (voz, guitarra) e Dani Valladares (batería) recuperan o poemario que o homenaxeado no Día das Letras Galegas escribiu en 1963 desde México, 24 anos despois de escapar dos fascismo en Europa. “Florencio Delgado Gurriarán parécenos unha figura moi interesante polo impacto da Guerra Civil, a posguerra, o exilio... e escollimos precisamente o tema do exilio en México porque amosa a súa saudade por Galicia”, explica o guitarra e vocalista. A guitarra eléctrica e a batería pasean así sobre palabras que falan “dun momento histórico do poeta, do exilio como unha constante na historia de Galicia e por iso era tan importante para nós facer esta versión”.

Unha vez decidido que musicarían a Delgado Gurriarán, Dioivo optaron pola súa obra máis coñecida Galicia infinda para metalizar Hai Sede na Nova Galicia. “Co noso estilo máis cañeiro metemos todo o ruído, e gravamos con Dany Soengas do grupo Atreides”, explican. O dúo de Vigo xa versionara primeiro a Rosalía de Castro e despois a Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste último caso, mesmo o escritor colaborou na gravación.

“Esa colaboración con Ferrín coincidiu co 50 aniversario da novela Retorno a Tagen Ata, e a nosa versión en canción tivo unha acollida moi positiva”, recordan. A participación do propio Méndez Ferrín consistiu en “aparecer na canción con narracións, foi encantador, prestouse ao proxecto e quedamos encantados... tanto el coma nós”. E xa de entrada, “Ferrín nos dixo son moi rockeiro”. A nova versión de Delgado Gurriarán, que pode escoitarse en Youtube e pronto en plataformas dixitais, é “un xeito de achegar a este escritor a distintas manifestacións da nosa cultura, cun millón de expresións que poden chegar ata o metal”.

Rosalía e máis sorpresas por diante

O éxito das diversas reformulacións das Letras Galegas xa se viu “o ano pasado co boom de Xela Arias”, como indican Dioivo. Eles xa empezaron versionando o Sempre pola morte espertas de Rosalía de Castro como “a nosa poeta máis mítica, a fundacional da literatura galega moderna... despois pasamos a Ferrín na contemporánea, a Delgado Gurriarán na posguerra”. E como proxecto inminente “traballamos noutra sorpresa relacionada co mundo literario galego”. O seu Hai Sede na Nova Galicia estará no novo álbum de Dioivo. O dúo, que antes formaba parte dun grupo que cantaba en inglés, optou desde 2014 polo galego no metal. A súa discografía pode descargarse en Spotify e o vídeo corre a cargo de YOD Multimedia. Este sábado actuarán no Burril de Sarria.