Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

James Rhodes | Pianista

“Son 100 veces máis feliz en España que en Londres”

Confesa: “Creo que sempre loitarei contra min mesmo; teño os meus demos e, ás veces, cústame vivir”

James Rhodes.

James Rhodes é o Orfeo do noso tempo. A súa andaina polo Hades real presenta unha pena de todos sabida; pero como podía un ser de luz coma el estar condeado á falta de amor? A paixón pola música salvouno e agora inocula parte de esa menciña polo mundo. Este namorado de Galicia regresa a Vigo para o vindeiro sábado, día 7, ofrecer un concerto de piano no que tocará pezas de Beethoven e Brahms. Será no Teatro Afundación, a partir das 20.30 horas. Sobre o escenario, un concerto diferente de clásica dunha alma que nesta entrevista defende: “Debería ser un dereito humano aprender a tocar un instrumento de música".

–Comecemos polo final, por que pechar o concerto coa sonata Walstein de Beethoven?

–É unha pasada de sonata. En 24 minutos, está presente cada emoción que coñecemos da humanidade. Hai ledicia, desesperación, tristura, dor, todo. Nesta época de porcallada, hai moi poucos sitios onde fuxir e ser libres da publicidade, redes sociais, reality. O auditorio é un dos últimos lugares no que podemos fuxir desa merda. Eu irei facilitando un contexto de cada peza: estarei dous ou tres minutos a falar delas; despois, apagarán as luces e o público montará a súa propia película. Poderemos meditar e respirar. Beethoven compuxo 32 sonatas para piano, era máis prolífico que Serrat ou Sabina. Eu vou amosar a ledicia pero tamén o lado máis romántico e introvertido, profundo, porque todos temos as nosas sombras.

–Como loita contra os seus demos internos ao ter que tocar un allegro e non ter o corpo para tal?

–É o milagre da música. Podo tocar a mesma sonata 20 anos e cada vez hai algo diferente na miña cabeza. É unha marabilla. Eu compároo co duende, unha das miñas palabras favoritas de Lorca. Todo o mundo procuramos o duende. A música vai máis profunda que as palabras, directamente á alma.

–En “Instrumental”, vostede escribiu que “nunca” daría “un recital perfecto”.

–Si, pero supoño que é algo que tamén sentes ti. Non sentes que escribiches o artigo ou libro perfecto, sempre hai cousas que despois de publicar pensas que se poden mellorar. Por iso, ensaio todo o rato. Pero non só o penso como músico tamén como ser humano. Sempre hai espazo para mellorar.O meu concerto ideal sería como un partido de Nadal sen perder un punto. É algo imposible pero hai que intentalo.

–Vin no seu Instagram que lía a Rosalía de Castro, que sente ante os seus versos?

–As palabras teñen un poder moi importante por iso estou enganchado aos idiomas. A cantidade de xente que é bilingüe e trilingüe aquí é asombrosa. Teño amigos en Galicia que me din que os peques agora non falan galego e dame tanta tristura. Sinto que hai que protexer esta parte das nosas identidades. Por iso, estou orgulloso de que teño o meu libro “Instrumental” en galego tamén. Cando o meu editor me dixo que o publicaba en galego sentinme como un neno con novas zapatillas.

–Finalmente será cidadán galego?

–Sabes que? Eu pregunteille á miña muller se podemos mudarnos a Galicia e díxome que agora mesmo non pero que cando me queira xubilar, teriamos unha discusión sobre iso. Para min, o meu soño sería ter unha casiña a carón do mar en Muros, Vigo ou A Coruña. Non podo imaxinar unha comunidade máis bonita para criar nenos. Pasei uns días en Muros hai un mes e era como estar en Disneylandia, tan tranquilo, tan bonito, con aire fresco. O paraíso.

–Ou sexa que non se arrepinte de cambiar á nacionalidade española.

–Que va! Son tan feliz. Non creas o que dixeron nalgunha prensa de que só esperara dúas semanas pola nacionalidade. Agardei catro anos e medio. Esperei moito e foi un dos mellores días da miña vida.

–Hai pouco mercou un violín a unha rapaza, Rocío Medina, a quen lle roubaran o instrumento. Busca ser un Aladino do século XXI?

–Non é a primeira vez que lle merco un violín a alguén, nin será o último. Son superfeliz de axudar cando podo. Hai empresas multimillonarias viralizando esta historia cando o máis doado sería gastar 1.500 euros para axudar a esta rapaza. Pero despois de tres ou catro días estaba farto, decidín mercarllo porque era frustrante que empresas con tantos cartos non fixeran nada. Sentín responsabilidade. Se temos un pouco máis de pasta que do normal debemos compartir un pouco. Deume tanto este país, un fogar, un sitio seguro, teño todo o que quero no mundo grazas a España, teño que devolverlle un pouquiño. É o mínimo que podo facer.

–Quérese máis que no pasado?

–Máis ou menos, hai días máis bonitos e outros non tanto. É un proceso, o que sei é que son cen veces máis feliz aquí en España que en Londres. Creo que sempre loitarei contra min mesmo, teño os meus demos como todo o mundo. A veces, cústame vivir. Penso que todo o mundo ten as regras para vivir e eu sinto que non teño nin idea.

–Sempre falou abertamente das violacións que sofreu na infancia, non tivo medo de que esa sobreexposición lle abrira máis a cicatriz?

–Si, é horrible e a única razón pola que o fixen foi para aprobar a Lei Rhodes (contra os abusos e violencia contra menores) e agora conseguímolo. En principio, non tiña a necesidade de facelo pero coñecemos ben aos políticos. Non ían facer nada se non se montaba algo de presión. Por iso, durante case catro anos falei na prensa, televisión e escribindo sobre o meu pasado. Era a única maneira de poñer algo de presión nos políticos para conseguir a lei. Custoume un montón, non te imaxinas o prezo que paguei por iso porque é algo persoal e falalo abertamente en público foi como abrir de novo unha ferida potente pero pagou a pena. Agora prefiro enfocarme máis na miña muller, na música, Galicia, viaxes, comida...

–Vin que fixo unhas torrijas que non sei como saberían pero tiñan unha pintaza. É bo cociñeiro?

–Ben, primeiro, merquei unha Thermomix, inda que as torrijas as fixen pola receita duns amigos. Estou mellorando moito. O segredo é ter leite condensado, leite enteiro e nata. É un infarto nun prato pero dá igual. Está tan rico!

–Que lle queda por aprender ou facer nos vindeiros anos?

–Boa pregunta. Encantariame ter unha familia aquí. Non podo imaxinar un país mellor para ter fillos. Teño un fillo maior que está en Estados Unidos, pero gustariame ter familia aquí e mellorar o meu español e galego máis a miña maneira de tocar o piano.

Compartir el artículo

stats