Despois de tres anos do seu último disco, Xosé Manuel Budiño regresa con novo material e o primeiro bocado estréao hoxe nas plataformas e redes sociais para amosar o primeiro sinxelo: “Muiñeira da lúa”.

Neste tema do gaiteiro morracense conflúen a percusión tradicional e a electrónica (coa que xa experimentara no 2020 no disco “Volta”), adobadas con voces femininas.

Sobre esta primeira xanela ao que será o novo álbum, que chegará despois do verán ao mercado, o músico moañés explicou que “sigo nesa liña de compoñer que é o que máis me atrae desde o primeiro disco, ‘Paralaia’. Practicamente todas as músicas dos meus discos son composicións miñas e ‘Muiñeira da lúa’ tamén ten letra e música miñas”, ademais da voz principal.

A través do teléfono, Budiño non agocha a súa felicidade por formar parte dun dos festivais que máis promete para este verán, o Son do Camiño, en Compostela, para o que ten marcada a xornada do 17 de xuño. Será nesa data cando estreará sobre o escenario o seu novo espectáculo coa nova banda integrada por Inés Salvado, Brais Morán, María Galdón e Cibrán Seixo.

“É algo que tiña moitas ganas de facer, presentar a banda nova que non é nada estándar, con percusión tradicional e electrónica, con moitos trebellos electrónicos e instrumentos chegados á raíz. Son os dous piares fundamentais da canción. É algo no que levo traballando moitísimos anos e tiña ganas de que eses dous mundos estiveran moi presentes”, explicaba onte ao diario decano.

Budiño tamén falou do vídeo de “Muiñeira da lúa”, onde aparece xunto el e á súa banda a bailadora Louzao: “O vídeo amosa unha paisaxe onírica onde non falo dunha persoa ou dunha cousa, cada quen pode interpretar a mensaxe de mil formas distintas. O vídeo é moi explícito e amosa unha muiñeira con moita forza, trasladándonos a unha paisaxe fóra da terra, que podería ser a lúa”.

A dirección do clip recaeu en Jacobo Gayo, un autor que leva tempo a colaborar con Budiño e que é gañador do premio nacional ao mellor videógrafo en anuncio audiovisual nos últimos tres anos así como de varios Lux de Bronce de fotografía de moda.

“O clip gravámolo na nave de Global Setup en Caldas de Reis onde cargaron mil quilos de terra para simular ese espacio lúa”, explicou Budiño para confesar: “Temos unhas ganas enormes de ir ao Son do Camiño. Será o noso primeiro concerto co público de pé” dende o inicio da pandemia.