Florencio Delgado Gurriarán é o autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Con el, por primeira vez na súa historia, a Real Academia Galega viaxa ao exilio mexicano onde o poeta e galeguista foi un eixe vertebrador. No país azteca foi onde comezaron esta fin de semana os actos na súa honra, homenaxe que proseguirá nos vindeiros meses cunha rica programación que presentou onte a Academia.

No caso da pasada fin de semana, o pistoletazo de saída deuno a poeta galega Fátima Delgado, familiar do homenaxeado, que presentou en Cidade de México unha peza teatral na que relata a historia do seu tío Delgado Gurriarán. A actuación incluíuse no programa do Festival Kerouac, co que a poesía galega volveu cruzar o océano.

Para coñecer mellor a figura de Florencio Delgado, a RAG xa ten activada na súa web a sección das Letras Galegas na que inclúe unha biografía realizada por Ricardo Gurriarán, familiar do escritor honrado para as Letras deste 2022.

Tamén no apartado Letras Galegas, xa se colgou o primeiro episodio de “Polos vieiros de Florencio”, no que o presidente da Real Academia, Víctor Freixanes, nos adentra na súa vida e obra.

Para os máis novos (inda que aos maiores tampouco lles viría mal), o Portal das Palabras ofrecerá tres xogos interactivos sobre o vocabulario presente na poesía de Delgado. Outra proposta é de “Allos con bugallos” sobre o léxico dos seus poemas creados en México.

Pasado este mes de febreiro, a actividade na honra de Gurriarán proseguirá coa “Primavera das Letras”, un proxecto para o público infantil que desta vez será capitaneado por Ledicia Costas e pola ilustradora Blanca Millán.

Maio será o mes forte dos actos co centro en Córgomo, na aldea de Valdeorras onde naceu o homenaxeado no ano 1903. O 17 de maio, a RAG celebrará alí a sesión plenaria extraordinaria na que os discursos correrán a cargo de Rosario Álvarez, Ramón Villares e Xesús Alonso Montero.

Xa no outono, expertas e expertos na súa vida e obra presentarán as últimas investigacións ao redor del no Simposio das Letras Galegas.

A RAG non esquece as publicacións sobre Delgado Gurriarán. Ten previsto publicar o discurso que el deixou escrito para unha cerimonia de aceptación de académico correspondente, acto que nunca se realizou.