O terremoto provocado polas Tanxugueiras dende que puxeron enriba da mesa a súa aposta para participar en Eurovisión non cesa. Os efectos sísmicos de 'Terra', de feito, fanse sentir en toda a comunidade internacional de euroseareiros. Como as tres pandareteiras din na propia canción, "non hai fronteiras" para a súa música e excepcional acollida do seu tema, refrendada por máis de un millón de reproduccións nas plataformas dixitais, ten xa a súa réplica nun dos subxéneros de máis éxito de Youtube, o de xente reaccionando a cancións.

Nos últimos días foron varios os youtubeiros internacionais que subiron a súa peza para comentar a canción mentras a escoitan por primeira vez —a espontaneidade, real ou impostada, é a clave deste tipo de vídeos—. A gran maioría coincide nunha mestura de entusiasmo e sorpresa cara 'Terra'; dende logo non é o estereotipo de música española que poderían agardar. De feito, estes rapaces nin sequera son conscientes de que o trío de pandereteiras está a cantar en galego.

"Ese lume español é o que quero escoitar en Eurovisión", comenta o turco Onur Uz, que ten claro que é a canción que debería participar na edición 2022 do festival. E iso que admite as dificultades para pronunciar o nome, que no seu intento soa como se fose unha estirpe de Xogo de Tronos, Tancuguieras, ou algo así. "Abraiante, teño a pel de galiña".

A épica deste alalalá contemporáneo é algo que salientan varios destes youtubeiros. Un deles, Luke White, sen coñecer a súa procedencia nin a tradición musical galega, decátase do "diferente camiño étnico" que toma a canción con respecto as súas expectativas e a aportación española en Eurovisión. "Isto é épico!", subliña, e non aforra calificativos: "hipnótica", "poderosa", "rica".

Son varios máis os exemplos deste estilo que na plataforma de vídeos se poden atopar. Outro youtubeiro, Greg ESC, destaca a orixinalidade do tema e opina que España debería optar por este tema, aportándose do estilo baladista que marcou as súas aportacións nos últimos tempos. Fica sorprendido pola forza, fala incluso de agresividade, vocal das Tanxugueiras.

Entre os vídeos consultados, hai un que racha co consenso. Trátase do euroseareiro Shane, que nin siquera mete 'Terra' entre as oito cancións ás que lle dará una segunda escoita. A súa favorita é a de Marta Sango, inda que non a considera unha boa escolla, e a que ve con máis poisbilidades é a de Rayden. A de Tanxugueiras sorepndeulle e gustoulle, pero o "dramático" deixe "celta", como el di, semella non convencerlle demasiado para o festival.

Haberá que agardar que opina o xurado de Benidorm Fest, pero as Tanxugueiras xa están a conquistar corazóns alén non só do Padornelo, senón dos Pirineros.