Quen dixo medo. A principios de setembro, un amplo concurso organizado por euroseareiros españois escollía unha canción das Tanxugueiras como a súa preferida para representar a España no festival da canción máis célebre do continente. De elas non partira estaren nesa sorte de macroenquisa, pero agora o trío de cantareiras-pandereteiras confirma que dará o paso. Presentará unha canción para tratar de estar presente na cita, que se celebrará en primavera en Italia. Sería a primeira vez na historia de Eurovisión que o Estado está representado cun tema nunha lingua oficial que non é o castelán.

Tanxugueiras gañou aquela elección entre os fans con 'Figa', pero desta volta presentarán unha canción nova. Iso, si, garanten que manterá as súas sinais de identidade: "Presentámonos, en galego, con pandeiretas e coa nosa sonoridade, abofé que si!". A encargada de facer a selección é RTVE, que este ano organizou un festival previo, en Benidorm, do que sairá o tema que representará a España. Serán 12 as cancións que cheguen á final.

"Non estaba nos nosos plans recoller a luva que se nos lanzou con 'La Elección Interna', pero ver o respaldo dos seguidores de Eurovisión e o interese que xera entre outros colectivos e na nosa contorna... Estamos tan agradecidas que pensamos, e por que non? E alá foi!", explicaron ao portal Eurovision-Spain.

Tanxugueiras, que están a ter neste 2021 a confirmación do seu enorme potencial logo de introducir elementos da música urbana nun repertorio baseado no tradicional, apuntaron que a posibilidade de participar nese Benidorm Fest previo a Eurovisión xa sería un paso importante. "Podería animar a abrir un camiño a todas esas formacións, especialmente de mulleres, que cantan en linguas cooficiais ou que fan música de raíz con estilos moi diferentes ao que estamos afeitas". Tamén insistiron en que é unha boa oportunidade para "dar a coñecer a calidade musical de Galicia".