O xurado dos Premios da Cultura Galega 2021 elixiu este martes a Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, o programa da CRTVG 'Dígocho eu', o mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina como os galardoados desta edición.

Os premiados, segundo indica a consellería de Cultura nun comunicado, foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo titular de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Na modalidade de Letras o galardoado é Bernardino Graña, poeta, narrador e articulista nado en Cangas. Membro da Real Academia Galega (RAG), foi catedrático de Lingua e Literatura de Educación Secundaria e, dende mozo, formou parte do consello de redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta noutras publicacións como Vieiros, Grial ou Ágora e en 2010 entrou a formar parte da Real Academia Galega (RAG).

No campo das Artes Plásticas, o Premio da Cultura Galega 2021 é para o ourensán Antón Pulido. Un dos grandes nomes da arte galega, pertence a unha xeración de artistas que se mostran en plena madurez da súa traxectoria creadora. Tamén foi director xeneral de Cultura da Xunta de Galicia nos primeiros anos 90 e primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en 1994.

En Artes Escénicas o recoñecemento foi para Nova Galega de Danza, xurdida a finais dos anos 80 cando os bailaríns Vicente Colomer e Jaime Pablo Díaz buscaban novas formas de expresión que fusionasen a tradición folclórica de raíz galega coa danza contemporánea. Na súa traxectoria recolectou, entre outros, o segundo Premio do I Certame de Creación Coreográfica de Galicia, o cuarto Premio no I Maratón de Danza de Madrid, e quedaron finalistas no Certame Nacional de Danza Española e Flamenco de 2002.

No ámbito da Música prémiase á pianista ferrolá Natalia Lamas, presidenta da asociación de Amigos da Ópera da Coruña, a entidade lírica máis antiga de cantas organizan en España tempadas de ópera.

O galardón en Audiovisual recaeu en Zaza Ceballos, produtora, escritora, directora cinematográfica galega e unha das pioneiras do audiovisual en Galicia, que este mesmo ano tamén recibiu a Medalla Emilia Pardo Bazán polo seu labor centrado no recoñecemento á muller.

No apartado de Lingua premiouse ao programa 'Dígocho eu', unha exitosa iniciativa a través da que se resolven dúbidas sobre lingua galega de maneira sinxela e eficaz a través de micropezas audiovisuais na CRTVG, presentado por Esther Estévez.

O galardón na modalidade de Patrimonio Cultural foi para o mosteiro de San Pedro de Rocas, o conxunto cenobítico máis antigo de Galicia e un singular exemplo de igrexa rupestre, escavada na roca viva na Ribeira Sacra.

Por último, o premio de Proxección Exterior recaeu na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FSG), unha das máis importantes organizacións non mutualistas da emigración galega en Arxentina e impulsora, entre outras iniciativas, da editorial Alborada.

A elección dos gañadores levouse a cabo nunha reunión na Cidade da Cultura na que formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Branco; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, así como profesionais de recoñecido prestixio, como o director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez; a directora de programas da Radio Galega, Tania Fernández; a directora e editora de Hércules de Edicións, Laura Rodríguez; e a historiadora da arte e comisaria de exposicións, María García-Alén.

Con estes galardóns, a Xunta de Galicia premia un ano máis o labor creativo de Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos. "Recoñécese así a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia", indican dende o goberno galego.