Di o tópico warholiano que na sociedade actual todo o mundo ten dereito aos seus 15 minutos de fama. Á banda viguesa Mundo Prestigio sóbralle talento musical para conseguilos polas súas creacións, inda que é ben certo que o seu estilo, un hip-hop instrumental con pingas funk, soul ou jazz, non é o máis proclive ao éxito masivo. Pero resulta que o grupo ten tamén unha faciana humorística que adoitan poñer en práctica nas súas entrevistas, e por esa vía lograron meterse durante máis de sete minutos na edición deste domingo de 'A vivir que son dos días', un dos programas estrela da Cadena SER, cunha audiencia de preto de 2 millóns de persoas.

Mundo Prestigio atopábanse en Madrid porque o día anterior tocaran no festival Sound Isidro. Pasadas ás 12:00 do mediodía, cando o tamén galego Manuel Burque fai unha sección de entrevistas pola rúa, os membros do grupo viron no micrófono amarelo da emisora a súa oportunidade. "Veño de Galicia, alí estamos afeitos a ver vacas, cabras, ovellas, pero non vemos a ninguén da SER", foi a entrada dun dos músicos. Burque estaba preguntando polo rexurdir do casete e, con retranca un chisco pasada de voltas, os Mundo Prestigio deron mostra dos seus coñecementos sobre a materia. Non en van, algúns deles están implicados en Seara Records, que editou traballos nese formato. "Pero que tomaron estes?", preguntábase en segundo plano o presentador do programa, Javier del Pino, mentres os do grupo toleaban ao entrevistador.

Non foi ata uns 3:30 minutos despois de irromper (pódese escoitar o fragmento íntegro a partir do minuto 13:40) que os músicos se presentaron coma membros dunha banda, Mundo Prestigio. A partir de aí, ademais de soar un anaco dun dos seus temas, tiveron oportunidade de contar o que gañaron o ano pasado grazas as reproducións en Spotify (disque 69 euros, investidos nunha cea) e de explicar a súa política de subir a música á rede: "A xente non merca discos de grupos coma o noso, que somos unha merda".

Os Mundo Prestigio non quixeron marchar sen insistir no "majísima" que é a xente en Madrid e o ben que o estaban a pasar. "Levaremos o COVID, pero...".