Unha máis no debe do maldito coronavirus: que os vigueses Keltoi! non puidesen celebrar ao xeito o seu 25º aniversario, que acadaron durante o ano 2020. Un cuarto de século dando guerra na barricada do street punk ben merecían uns deses pogos que a pandemia non permite. Pero que non quede se conmemorar, inda que sea con algo de retraso, a efeméride: acaban de lanzar XXV, un sinxelo dispoñible en vinilo e en plataformas dixitais que completa o de 'Tempos convulsos', publicado a mediados do ano pasado.

Na cara A desde XXV está 'Por eles', o seu tema máis novo, publicado hai unha semana. Unha descarga de punk de vella escola coa colaboración aos teclados de Miguel de Rude Pride. "Adicado a toda a xente anónima que loitou, loita e loitará niste o noso lado da barricada. Aos e ás esquecidas. Vai por vós!", din os Keltoi!. A arte gráfica do vinilo, homenaxe á Laranxa Mecánica de Stanley Kubrick, corresponde a Rubén Suárez (tamén enrolado en bandas clásicas da escena viguesa coma Foggy Mental Breakdown ou High Sierras, e actualmente en Family Folks). Semanas atrás xa publicaran a cara B, 'Xuízos de barra'.