As letras galegas choran este mércores a perda de Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e expresidente da Real Academia Galega (RAG). O acadmémico faleceu en A Coruña aos 84 anos de idade segundo confirmou a Fundación Rosalía de Castro, da que era padroeiro.

Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ribeira, 1936) foi unha figura destacada da historiografía galega contemporánea. Licenciouse e doutorouse en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma. En 1974 obtivo a licenciatura en Filosofía e Letras, con premio extraordinario e doutorouse en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese "O campesino galego no século XIX: economía e sociedade". Foi catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na mesma universidade, onde desempeñou as funcións de decano da Facultade de Xeografía e Historia.

Desde o 20 de decembro de 2001 ata o 23 de xaneiro de 2010 foi presidente da Real Academia Galega, substituíndo a Francisco Fernández del Riego, co que colaborou moi estreitamente na renovación da histórica institución.

Os seus traballos de investigación céntranse sobre todo na historia contemporánea de Galicia. Destacan: "El carlismo gallego" (1976), "El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo" (1977) e "Historia Contemporánea de Galicia" (1981), obra pola que recibiu o Premio da Crítica 1982.

Dentro da súa actividade investigadora, merece unha mención especial a súa atención á figura de Manuel Murguía, primeiro presidente da RAG e figura sinalada no Rexurdimento galego do século XIX. Barreiro publicou varios libros sobre Murguía, un deles coa colaboración de Xosé Luis Axeitos.