Nas últimas horas é difícil navegar pola esfera galega das redes sociais e non atopar unha palabra: zorra. A responsable de poñer de moda o termo é a xornalista da TVG Esther Estévez, que dende hai un ano dedícase en TikTok e en Youtube a facer vídeos nos que corrixe erros habituais no uso do idioma, con énfase especial nos castelanismos. A última destas pílulas, que están a acadar grande éxito pola mestura de rigor filolóxico e estilo informal e amable, trata sobre esta palabra, que en galego non ten relación algunha coa femia do mamífero carnívoro de nome científico Vulpes vulpes e que na lingua do país chámase raposa. E, por tanto, tampouco coa acepción despectiva derivada deste significado que ten en castelán.

Nos vídeos --en verdade hai un para cada plataforma, aínda que son moi semellantes--, Esther Estévez explica as dúas acepcións da palabra. A primeira, coma substantivo, refírese ao carro utilizado para moverse pola neve e o xeo. A segunda, como adxectivo, sexa masculino ou feminino, é sinónimo de lenta, parsimoniosa ou algo húmida. Nese senso hai que entender exemplos como "ir zorra á escola" ou a "roupa está zorra no tendal". A xornalista, co seu simpático ton didáctico, aclara que, por tanto, en galego non é válida a expresión ""non ter nin zorra idea". Tamén ofrece algunhas alternativas ao insulto: pendanga, pelella, pécora, candonga ou coiruda.

Tras facerse viral a publicación, a palabra zorra xa figura como a terceira máis buscada no dicionario en liña de Real Academia Galega (RAG). E para rematar de alimentar a bóla viral, a TVG tirou de arquivo e recuperou un telexornal de 1996 no que Alfonso Hermida e Rosa Vilas teñen algúns problemas para conter o riso tras ter que usar a primeira acepción do termo.