Nin 'vacina', nin 'pandemia', nin 'máscara' nin 'gromo'. Fronte ao omnipresente coronavirus, os galegos preferiron lembrar unha das xeracións más valiosas da nosa cultura ao escoller a Palabra do Ano 2020 e, por votación virtual pública, elixiron o termo 'Nós'.

A votación foi promovida polo Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. "A voz gañadora -sinalan- salienta algo bo dun ano ben complicado, a celebración do centenario da xeración Nós, e olla cara ao futuro con optimismo porque nos lembra tamén que saírmos da crise global depende da primeira persoa do plural máis absoluta".

O segundo termo máis votado foi 'seteiro'. Así se chama o grupo de estrelas denominado tamén arqueiro (Sagittarius na forma latina) e unha palabra que entrou dentro do grupo das seis finalistas pouco despois de que o Seminario de Terminoloxía da Real Academia Galega aprobase a listaxe normalizada dos nomes galegos das constelacións.

"A escolla pode verse como un xeito de reivindicar o coñecemento, e a valoración, do ceo e dos seus nomes; mais tamén ten algo, outra vez, de evasión colectiva nun ano en que o COVID disparou o emprego de certos termos", afirman dende o Portal de Palabras.

Porén, a votación non resultou allea á realidade global, e as outras catro palabras máis votadas están intimamente relacionadas: 'gromo'; 'pandemia'; 'máscara'; e 'vacina', a grande esperanza que comezou a subministrarse este mesmo domingo en Galicia.

Te puede interesar:

Nós súmase á listaxe de palabras do ano que comezamos a escribir convosco hai seis anos. Nas edicións anteriores gañaron 'sentidiño' (2019); 'deseucaliptización' (2018); 'afouteza' (2017); 'irmandade' (2016) —cadrando con outro centenario senlleiro, o das Irmandades da Fala—; 'refuxiado/a' (2015) e 'corrupción' (2014).

Os votos estiveron máis repartidos ca noutras ocasións. 'Nós' acadou case 3 de cada 10 votos emitidos; 'seteiro' rozou o 20%; 'gromo' fíxose con pouco máis do 17%; 'pandemia' chegou ao 15%; e 'máscara' e 'vacina 'sumaron, cada unha delas, pouco máis do 10% dos votos.