A poeta e tradutora viguesa Xela Arias será a homenaxeada en 2021 pola Real Academia Galega ao dedicarlle as Letras Galegas do ano que vén. A decisión tomouna o plenario da RAG este martes pola tarde. A institución quere así render tributo a “unha voz singular da xeración que anovou nos anos 80 a poesía galega en temas, estilo e forma”.

A Real Academia Galega tamén quere recoñecer “o seu labor pioneiro na tradución ao galego de clásicos universais e como editora”.

Xela Arias será a quinta muller á que se dedica as Letras Galegas, dun total de 58 homenaxeados. Antes ca ela foron Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño e María Victoria Moreno.

Xela Arias naceu en Sarria (Lugo), pero xa de pequena mudouse a vivir en Vigo polo traballo do seu pai, Valentín Arias, mestre, xerente de Galaxia e presidente da Asociación de Tradutores Galegos. Morre nesta cidade en 2003 aos 41 anos dun ataque cardíaco.

A Real Academia subliña “a poesía singular, transgresora, sincera e comprometida” de Xela Arias, que abandonou os estudos en COU, pero logo retomounos para se licenciar en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, e ser profesora de instituto.

Como poeta, publicou os libros Denuncia do equilibrio (1986); Tigres como cabalos (1990), en colaboración co fotógrafo Xulio Xil; Darío a diario (1995); e Intempériome (2003).

Ao darlle protagonismo a ela, a RAG desexa tamén homenaxear aos “mozos e mozas que renovaron a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma”. Aínda así, a académica Ana Romaní asevera que Xela Arias é unha voz tan singular e inclasificable que o seu nome se pronuncia sen xeración.

Dende a Real Academia explican que Xela Arias concibía a poesía “como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar. A pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura, son algúns dos trazos destacados da súa voz como creadora, que anticipou nos anos 80 do século pasado moitos temas e características formais da poesía galega da década seguinte”.

Non se pode esquecer a faceta de Xela Arias como tradutora. A ela lle debemos poder ler en galego a autores como Bram Stoker (Drácula), Roald Dahl (As bruxas), Angela Carter (Venus negra), Gianni Rodari (Contos ó teléfono), Carlos Oroza (Caballum) ou Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha Historia de Amor); e formou parte dos equipos que trouxeron á nosa lingua o Quixote de Cervantes ou Dublineses de James Joyce. A súa tradución de Amor de Perdición (1986) de Camilo Castelo Branco foi merecente do Premio de Traduçao da Língua Portuguesa; o seu O derradeiro dos mohicanos (1993) de James Fenimore Cooper foi recoñecido co Premio Ramón Cabanillas de Tradución; e foi galardoada postumamente co Premio de Tradución Plácido Castro (2004) por O Spleen de París de Charles Baudelaire.

A RAG valora non só a faceta literaria de Xela Arias. Tamén quere aplaudir “a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora”, xa que prestou a súa voz en mobilizacións cívicas, coma as do “Prestige”, e tomou sempre posición a favor da lingua galega, non só como poeta. Como parte do equipo de Edicións Xerais, onde traballou dende 1980 a 1996, contribuíu ao proceso de fixación da norma do galego.

Por outra banda, o plenario da RAG tamén acordou o nomeamento da filóloga Ana Isabel Boullón Agrelo como académica de número.