Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

CINE

Fon Cortizo: "O que pasa coa memoria colectiva neste país e que é alzhéimer avanzado

O director estrea “9 fugas”, rodado en San Simón, Vigo e Cangas, no Festival de Gijón

Fon Cortizo, no Porto de Vigo, na zona de Beiramar. JOSÉ LORES

Despois das extraordinarias obras “7 limbos” (2019) de Alexandre Cancelo máis Berio Molina ou “Lúa vermella” (2020) de Lois Patiño, o cinema galego suma unha nova longametraxe na que a poesía visual e a arte son protagonistas. Trátase de “9 fugas”, do realizador vigués Fon Cortizo quen asinara “Contrafaces” con Erin Moure e Chus Pato.

Este filme, dispoñible na plataforma Filmin dende onte e ata mañá , participa no Festival de Cine de Gijón esta semana cun plantexamento arriscado pero certeiro. “É unha película –opina Fon Cortizo– cunha proposta pouco convencional”.

A longametraxe divídese en nove capítulos, nove fugas, nas que a orquestra que crea a banda sonora mailos personaxes (interpretados por María Roja, Olga Cameselle, A Panadería ou Paco Barreiro e a nena Lola Quirós, entre outros) van dando vida a pequenas historias que acaban enlazadas polo eixo da memoria individual e colectiva, o esquecemento, o segredo e os traumas así como pola violencia machista.

“Xoga a favor do filme que cada unha das nove historias ten o seu ritmo. Penso que é unha película que gañaría moito nunha pantalla grande e creo que é triste non poder vela nela (polas limitacións do Covid), como tamén é triste non poder ir a Xixón e facer vida de festival”, lamenta Cortizo.

“Esta película –subliña– ten unha narrativa con pouco diálogo que se compensa con que ten certo magnetismo. A banda sonora xoga un papel moi importante”, co misterio sempre a tirar do carro da narración pero sen acariña-lo thriller.

O punto de partida da longametraxe foi realmente a música. “Tiña claro que quería facer unha película dende a música. En Vigo, hai unha escena da improvisación libre que é moi potente. Moitos deles son músicos do mellor de España. Unha vez ó ano xúntanse e fan unha sesión de improvisación colectiva. Neses concertos, váiseme a cabeza e a fantasía lévame a paisaxes e personaxes”, explica o director galego.

Esas ensoñacións levárono a inicia-la casa dende “o tellado. Primeiro, naceu a banda sonora e, despois, chegou a película”, lembra. Como primeiro paso, formaron unha orquestra de improvisadores –coa batuta coordinadora de Xavier Bértolo e David Santos de Cró!– que tiñan que crear unha banda sonora sen argumento nin guion. Como pista, Fon Cortizo entregoulles un haiku por cada capítulo, en total, nove.

“Fixemos unha xornada de gravación, cunha toma de cada tema”, que vai aparecendo no filme paso a paso. Esa gravación realizouse “nunha especie de interior dun barco. Realmente, unha sala da fábrica de Massó de Cangas, unha especie de sala de control. O Concello facilitounos o acceso. Alí, atopamos unha sala de controis, con escaleira de bombeiros, e valeunos”, rememora o realizador vigués.

Coa banda sonora, empezaron a construír o guión, buscar localizacións, falar cos actores e actrices ós que non desvelaron a historia. Os distintos elementos xurdían como pezas de puzzle que “foron encaixando” na montaxe cun resultado que sorprende durante toda a metraxe.

Puxen ó mesmo nivel a perda da memoria colectiva (a histórica polo franquismo) e a individual dun home (unha chiscadela ó pai de Cortizo) que ten alzhéimer. “O que pasa coa memoria colectiva é que é un alzhéimer avanzado. Plantexei que pasa se afogas un recordo porque todo o que pasa na peli é o proceso da protagonista tratando os seus recordos non xestionados”, conclúe.

“A peli xoga co oculto e os desaparecidos”

“O mar xoga o papel de mergullar recordos, é un elemento opresivo e o filme pode facer sentirte esa opresión. A peli xoga co oculto e os desaparecidos”, explica Cortizo quen rodou na Illa de San Simón, na mesma ría de Vigo, na lonxa de altura olívica, en Massó en Cangas e en túneles como os dun encoro vello de Aqualia en Zamáns, Vigo. A historia de San Simón como campo de concentración a raíz do golpe de estado de Franco flota e mergúllase na narrativa da película onde a loita pola vida e as persecucións van marcando o ritmo cun desenlace propio dun taboleiro de xadrez. As intervencións do baterista LAR Legido como actor aportando un punto fantasmal pero as aparicións tamén espectrales de xente como a bailarina Olga Cameselle moldean unha historia na que nunca se adeviñan os xiros nun relato audiovisual cunha imaxe e un son extraordinarios.

Compartir el artículo

stats