O trío vigués Caldo, un dos proxectos máis interesantes da última fornada folk, concursará por facerse co concurso Fran Pérez "Narf", no que se honra a traxectoria do prestixioso músico de Silleda falecido hai agora case catro anos, ao tempo que se dá pulo a novos proxectos musicais do panorama galego.

O xurado do premio, que promove a Deputación da Coruña, deliberou esta mañá e fixo público as cinco bandas finalistas: Caldo, Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Momboi. A banda gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o sábado 28 de novembro e que se emitirá tamén a través de ‘streaming’.

Formou parte do xurado como presidente Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; ademais da xornalista e músico Xiana Arias Rego; a produtora Aitana Cuétara Yáñez; o músico Marcos Otero Payno; a xornalista Belén Regueira; e o músico Marcos Rodríguez Fontenla. Como secretaria actuou Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.

Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mileth, a viguesa Su Garrido, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.