“Un día, a miña muller preguntoume por que os personaxes que facía eu sempre eran masculinos. Non era consciente diso e decateime de que tiña razón. Supoño que é porque estamos nun mundo machista así que no anterior disco fixen unha canción adicada a Carmela, que é tamén o nome da miña filla”, explica Paco Cerdeira, Pakolas, músico de Zënzar e d´A Gramola Gominola que vén de publicar con Laura Romero, tamén de Zënzar, o libro para cativos “Ramona Órbita. A dona do tempo” (Galaxia).

O da escolla de personaxes femininos, explica, serve “para que as nenas teñan un modelo a seguir simpático, agradable e moderno, ademais de rockeiro”. A elixida é Ramona Órbita, unha muller que conecta coa bisavoa de Pakolas. “Este disco vai adicado á miña avoa que é filla de Ramona, a miña bisavoa. Dicían que era unha muller cunha intelixencia privilexiada, que facía multiplicacións de números grandes de cabeza e ademais conseguía mante-la familia e axudaba a moita xente mediante o sistema do trueque”, rememora Pakolas.

Pakolas e Laura Romero. FdV

Este integrante de Zënzar, o grupo de rock en galego e en activo con máis anos (exactamente 32) explica que no libro se presenta o personaxe de Ramona Órbita pero tamén a Nai Devesa.

“Propoño –explica Pakolas– imaxinar que a Nai Devesa é a nai do apalpador, que é quen o sorte de castañas, avelás... Ela comeza unha viaxe e pásase de frenada ata chegar ó tempo dos cavernícolas. Alí, atópase a un Manolo Cavernario (con canción homónima) ó que lle doe a tripa porque non sabe cociñar e come todo cru. Apréndelles a facer lume” e a preparar un churrasco de mamut. A seguinte viaxe é cara o antigo Exipto para coñecer a Ramsés e falar da conservación da pel con betume e vendas.

O tema “Os cabaleiros bibliotecarios” ofrece aprende-lo abecedario de xeito lúdico pero hai outras cancións nas que se homenaxea o home de Vitrubio e a Leonardo da Vinci (inda que sen nomear a este último expresamente) e outras composicións adicadas á Ramona do presente e do futuro con nave intertemporal incluída.

Pakolas que recalca que le gusta sobre todo o rock and roll aproveita para subliñar que “quixen facer este disco para concienciar a xente do mundo no que vivimos e cara onde nos diriximos se seguimos así”. No final, como colofón, “O conto de Ramona Órbita” e a posibilidade de descargar unidades didácticas de www.editorialgalaxia.gal para traballar co disco e os seus contidos a través dun código QR.