Carles Riba (Barcelona, 1893-1959) foi un poeta e filólogo catalán que escribiu, ó igual que Federico García Lorca, poemas en galego. No seu caso, elixiu cantigas de amigo. A adaptación dunha delas sona xa no disco "Canto das xacias", da banda de folc galego Dequenvessendo que neste disco presentación afonda nunha lenda destes seres da mitoloxía galega, metade peixe, metade humanos.

O grupo está composto por Irene Cerqueiro, Miguel Rosales Reboiras, Natahel Regueiro, Miguel Ocampo, Pablo Rosales Reboiras e Bieito Romero.

Este último leva o nome, o apelido e mailos xens do gaiteiro e membro fundador de Luar na Lubre, que por certo participa neste disco.

Bieito Romero (fillo) explica que "este disco baséase dende o inicio ó final na lenda de Ramón de Castro sobre un marimonio dunha xacia cun home, que teñen fillos, entre os que se atopa, Sabel, a protagonista dunha tráxica historia. Baseamos todo o disco nesta lenda que é o fío condutor".

O grupo recoñece que o fin da súa música é facer "disfrutar, bailar, inda que agora co protocolo polo Covid-19 está complicado, pero tamén no trasfondo reivindicar a importancia da tradición galega".

A música de "Canto das Xacias" é un paseo sonoro e sensorial delicatessen por sons galegos e da música celta, un traballo circular que pon o detalle na composición pero tamén na arte e presentación do libreto do cedé e na mesma historia que entrelazan as cancións.

De aí, que subliñen o vencello dos antergos coas augas e o seu desexo de que a xente "coñeza as xacias, pero tamén que poetas non galegos (coma Carles Riba) empregaron o galego como Lorca para escribir, para dar importancia ó noso país", explica Bieito, gaita e frauta traveseira da banda.

O músico detalla que ó longo dos 12 temas que fían o disco hai presenza do repertorio tradicional pero tamén de composicións de seu baseándose "na sonoridade de Galicia e doutros países celtas misturando con distintos estilos". O mesmo acontece coas letras onde se xuntan cantigas tradicionais ("Birnarem", sobre a Virxe da Franqueira, foi recollida por Antón Fraguas), con adaptación de versos de poetas galegos que foron musicando.

Destacan tamén as participacións, entre outros, de Bieito Romero ou Nani García máis SES. Esta última dando forza ó tema "Xacia Valsira".