"Virxinia Pereira foi moito máis que a muller de Castelao. Foi unha destacada figura antifranquista e tamén o guieiro da memoria do seu home tras a súa morte. Boa parte da súa personalidade e preocupacións poden verse a través do seu epistolario", conta o Consello da Cultura Galega (CCG), que acaba de subir á rede parte do mesmo. Queda así á disposición da cidadanía para a súa consulta as cartas que intercambiou con Valentín Paz-Andrade, "que permiten ver, alén da súa personalidade, a complicada constitución do legado do galeguista durante o franquismo". A correspondencia acompáñase dunha reportaxe contextualizadora.