Óliver Laxe, o galego laureado tres veces no Festival de Cannes, foi o convidado de horna onte no Festival de Cans. Participou nos coloquios da leira onde admitiu que pensa facer unha película "palomiteira" e que ten "ganas" de que o seu cinee que guste a nenos e xente maior, que guste a xente que hai tempo que non ía ó cinema".

Admitiu que leva "moitos anos" cavilando nunha longametraxe na que un grupo de de mozos buscan unha 'rave', o que sería "a festa do século no deserto, nas dunas". Esa panda anda na busca dela como quen procura o "grial", detallou.

Non obstante, recoñeceu que "perdeu algo da mala ambición e que non ten presa" por realizar esta película que adiantou que terá unha "factura máis de cinema popular". Por se existía algunha dúbida con esta frase, engadiu que se trataría dun filme que "se instale máis en espazos populares, en sistemas palomiteiros" co fin sempre de "seducir a xente nova".

O propio director do festival, Alfonso Pato, preguntoulle se oíra ben que a súa intención era facer unha película "palomiteira" e Laxe respondeulle francamente que si. "Si, hai que aceptar o mundo como é", para engadir que entre as súas "intencións" como cineasta tamén figura o de conseguir que vexa máis xente as súas películas. Recoñeceu, non obstante, que "é unha batalla perdida de antemán" pero que non "tiña medo ó fracaso".

Tamén falou do proxecto que está a preparar nos Ancares, na aldea dos seus avós, onde pensa programar actividades culturais pero tamén do sector primario vencelladas ó pastoreo (xa ten cabuxas e mesmo un mastín que na mañá de onte andaba perdido e para o que pediu axuda ós veciños para atopalo), con cursos tamén de cantería e outras especialidades e cultivo de té ou árnica (isto último de momento en probas).

O seu desexo é abrir antes de que remate o ano e que este modelo poda ser implantado tamén noutras aldeas galegas. Englobaría tamén un banco de terras e oferta de vivendas de aluguer para que a xente retorne á zona. O máis seguro é que o proxecto sexa presentado nos inicios do vindeiro ano, indicou.

Preguntado por Pato, indicou que "a vida é Covid" porque nos puxo diante dos ollos a morte que está chegando polo virus, polas velutinas ou outras pragas. Sobre a historia mundial do presente vencellada ó coronavirus sinalou que "o guion está ben feito, a ver como acaba. Con final feliz".