Triángulo de Amor Bizarro tamén celebra o Día Nacional de Galicia. Por partida dobre: coa publicación de 'Vixiantes do Espello', versión en galego dun dos sinxelos do seu último disco, e coa interpretación do tema no especial de Luar por mor do 25 de xullo.

A banda do Barbanza, que publicou o seu álbum homónimo pouco antes do estado de alarma, comeza agora a presentalo ao vivo. Decidiron para este Día da Patria versionar 'Vixiantes do Espello', unha canción que funciona a un tempo como broucazo de pop ochenteiro e como anti himno xeracional, coa súa insistente chamada a rachar coa rutina adulta e volver de novo ao lado turbio da existencia.

Inda que a súa carreira está baseada nas letras en castelán, non é a primeira vez que Triángulo de Amor Bizarro publica en galego. Tamén hai catro anos aproveitaron unha data senlleira, daquela vez o Día das Letras Galegas, para lanzar 'A cantiga de Juan C', versión da canción tradicional 'The John B. Sails'. Agardemos que non haxa que esperar outros catro anos, ou outra convocatoria electoral, para escoitar a unha das bandas máis importantes do país cantar en galego.