Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un cometa chamado Marta Pazos

Finalista ós Internacional Opera Awards, volta a Madrid co Centro Dramático Nacional

Marta Pazos, da compañía Voadora. Santiago Cuquejo

Marta Pazos é un deses cometas das artes escénicas que viaxa polos teatros e salas entre Galicia e, especialmente, Madrid onde o Centro Dramático Nacional amosa unha especial querencia polas súas propostas coa compañía Voadora.

A artista confesa que adica a súa "vida enteira ás artes escénicas", aínda que non cunha militancia de sufrimento. "Si, ten algo de resistencia porque é un modo de vida. Para min, é unha actitude vital, como unha carreira de fondo na que as colleitas se fan anos despois porque é un traballo de longo percorrido. Ademais, a cultura neste país non ten a importancia que debera ter para o impacto social que ten", expresa.

Aclara que, para esta militancia cultural, non tivo que "renunciar a nada". "Lancei o barro á parede. Véxoo como un privilexio porque adico a miña vida ó que máis me gusta facer no mundo e permíteme facer moitas aventuras e tamén ter familia", sinala a creadora.

Unha desas aventuras que está a ser moldeada é a súa próxima obra shakesperiana, "Othello" . Se na súa adaptación de "Sueño de una noche de verano" puxeran sobre as táboas a cuestión transxénero, desta volta, os ciumes, a violencia de xénero e a postverdade serán os vehículos para a transgresión.

"Estivemos -explica Pazos- traballando durante o confinamento para o asentamento da base teórica que fundamenta o espectáculo. Agora imos empezando a experimentar a través de obradoiros o material que estamos pensando para abrilo a outras persoas mesmo doutros ámbitos".

De feito, na MIT de Ribadavia, presentan o obradoiro "Celos: nivel usuario avanzado" no que a reflexión está delimitada fisicamente, por primeria vez, por máscaras, pantallas e medidas de hixiene contra o coronavirus. "Son cousas insólitas pero seguro que atopamos a maneira de integralo", engade con divertimento.

A segunda aventura pola que se lle pregunta a Marta Pazos é "Siglo mío, bestia mía". "Está para entrar en sala. A nós, o estado de alarma pillounos nos ensaios desta peza que leva dous anos de andaina. Está toda a escenografía, os actores traballaron o texto... só queda chegar ó teatro, ensamblalo e estrealo", detalla.

Recoñece que xa saben datas e lugar de estrea pero que inda non o poden revelar. "Estrearase na tempada do Centro Dramático Nacional en outono en Madrid pero o CDN inda non a presentou polo que non podemos anuncialo oficialmente", detalla. Na web da institución, adiantan que será no Teatro Valle Inclán entre novembro e decembro.

Esta obra ten varias pegadas da Covid porque varios integrantes do elenco tiveron a doenza. "Hai temas do propio texto -explica a directora e dramaturga- que están relacionados con cousas que pasaron despois no Covid. O texto de Lola Blasco fala moito de afogamento, da anguria, de non poder respirar. A coreógrafa Amaya Galeote aproveitou a experiencia co Covid para desenvolver o traballo do movemento a partir de aí, desta experiencia. Dun xeito ou outro si que está reflectido ese periodo".

Pazos, que se define como unha persoa "calma" mesmo ante circunstancias adversas, tamén aproveitou o confinamento para crear dende cero. "Soy una humana" foi esa estrana filla. "Foi un encargo do Centro Dramático Nacional para que se seguise creando nas condicións que había. Propúxonos falar dese momento que viviamos. Foron xusto os primeiros días nos que se podía saír á rúa durante unha hora. Aproveitamos iso como a necesidade de fundirse coa paisaxe, tamén a adaptabilidade das cousas. É dicir, non podo ir contra isto, o que podo facer é unirme á paisaxe. Naquela altura pasaban cousas marabillosas como que os golfiños cheganam case ó centro de Pontevedra polo Lérez ou había cervos no medio das cidades. Queriamos falar un pouco desa necesidade de relacionarnos co entorno e a paisaxe de maneira respetuosa, meténdonos nós nela", detalla.

"Gustaríame que houbera máis respeto pola cultura, educación e sanidades públicas"

Nun tempo de manifestos do sector cultural para que o Goberno teña máis cariño pola cultura nestes tempos raros, Marta Pazos ten claro que lle pediría a Aladino se se lle aparecera tras fregar a lámpada: "Gustaríame que houbera máis consideración e respeto polo público, pola sanidade, educación, cultura públicas. Esas tres cousas na etapa do Covid son fundamentais para que unha sociedade evolúe. Fai falla máis respeto e investimento e máis memoria", conclúe.

Compartir el artículo

stats