Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Flores para un escritor da "xeración Halley"

Feijóo lembra que o que une a todos os galegos "non é outra cousa que a lingua" e di que "queda pendente unha celebración mellor porque é necesario honrar a Carvalho Calero" | PSdeG e BNG falan de risco do galego

Acto da plataforma Somos Galego, diante do busto do intelectual. // Xoán Álvarez

A Real Academia Galega (RAG) celebrou hoxe o Día das Letras Galegas que este ano dedica a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) cunha homenaxe ao pé do que foi o seu fogar na capital galega, na rúa Carreira do Conde. O acto consistiu nunha sinxela ofrenda floral debido ao estado de alarma declarado pola pandemia de coronavirus, que obrigou a pasar para outubro o pleno extraordinario da RAG do 17 de maio que ía ter lugar en Ferrol, a localidade natal do homenaxeado.

Noutra situación, a RAG estaría onte na cidade de Ferrol, cidade natal de Carvalho Calero, celebrando na súa lembranza o tradicional acto académico do 17 de maio, recordou Víctor F. Freixanes. "Mais os tempos e as circunstancias obrígannos a actuacións extraordinarias. Agardemos que, con máis acougo, poidamos celebrar o noso pleno extraordinario o 31 de outono próximo, coincidindo co 110 aniversario de don Ricardo, que naceu o mesmo ano en que apareceu no ceo o cometa Halley", expresou en referencia a un dos poemas do escritor, filólogo e profesor, "Halley: 1910-1987".

A académica Margarita Ledo deulle voz a outro poema no que Carvalho Calero volveu recorrer ao cometa Halley para trazar un retrato da súa xeración, o dedicado ao seu "irmán" Álvaro Cunqueiro en 1980, o mesmo ano en que o catedrático lle deu a benvida ao escritor de Mondoñedo na USC como doutor honoris causa. " O primeiro aeroplano ensaiaba o seu voo, ti ja ou dixeches, / namentres nós naciamos. / E o cometa Halley brillaba non ceu, / e Tolstoy apagábase cando nós nacémos (...). A princípios de século nacémos, / a fins de século morrémos. / Ti e máis eu fomos, verdadeiramente, / fillos do noso século", recitou Ledo.

Á ofrenda floral asistiron tamén o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo Ansorena; e Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, institución na que Carvalho Calero se converteu en 1972 no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega en Galicia, sete anos despois de inaugurar as clases de galego na daquela única universidade galega. A homenaxe rematou coa interpretación do Himno Galego coa compaña de Susana Seivane á gaita.

Así mesmo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quixo lembrar na celebración do Día das Letras Galegas que "o que une a todos os galegos, non é outra cousa que a lingua". "A lingua galega foi capaz de resolver longas noites de pedra, períodos escuros da historia" porque "é o elemento que máis nos une e identifica no concerto de todos os pobos do mundo", destacou o titular do Goberno galego, antes de comezar a rolda de prensa posterior á décima reunión telemática co presidente Pedro Sánchez e o resto de titulares autonómicos.

Feijóo asegurou tamén que "queda pendente unha mellor celebración" desta xornada, "porque é necesario honrar a Ricardo Carvalho Calero".

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, avogou por "impulsar e promover" o galego para acabar coa "discriminación" que sofre e que poida ser usado "con normalidade no ámbito público e privado". Caballero sinalou que a lingua "non é só unha riqueza cultural e lingüística" de Galicia, senón tamén "un sentimento e un sinal de identidade". Por iso, apostou por "promovelo" para que "non exista discriminación e se use con toda normalidade".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, representantes da CIG, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e A Mesa pola Normalización Lingüística asisteron na ofrenda floral que organizou plataforma Queremos Galego diante do busto do intelectual preto da Alameda de Santiago.

No marco deste día, a líder nacionalista destacou a valía de "ter unha lingua propia", que é "síntoma de riqueza e orgullo", aínda que "agora mesmo estea en situación de emerxencia e corra risco de futuro".

Compartir el artículo

stats