Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A música non se confina: así é sacar un disco na pandemia

Sete bandas e solistas de Galicia relatan a experiencia de publicar os seus novos traballos discográficos durante o estado de alarma

Esquerda: SonDaRúa, Reinaldo & García, Malraio. Dereita: Xabier Díaz, Xan Campos, Hard GZ e Chisme

"Foi e está a ser moitísimo traballo, con moita xente involucrada (...) Ademais de tempo e esforzo hai unha inversión emocional súper forte detrás, e económica tamén, claro". Quen fala é o pianista de jazz Xan Campos, que resume un estado anímico que, con diferentes flutuacións e matices, comparten aqueles que estes días están a publicar as súas novas cancións, mentres salas e auditorios permanecen pechados e os festivais van encadeando anuncios de cancelacións. Varios dos músicos consultados coinciden nunha palabra: "golpe". Pero tamén manteñen a esperanza de que horas e horas adicadas dean os seus froitos. Malia a "saturación da oferta cultural", algúns sinten que os oíntes están a prestar máis atención ás súas composicións, e tamén observan unha onda de solidariedade do público e entre os colegas.

| Xabier Díaz

O terceiro disco de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, As Catedrais Silenciadas, naceu cun estado de alarma baixo o brazoAs Catedrais Silenciadas,: publicouse o venres 13, o día no que Pedro Sánchez anunciou a aprobación da medida. O músico, convertido nos últimos anos no máis popular representante do 'tradi', toma o contratempo con filosofía e confianza. "En absoluto teño a sensación de que sexa un traballo perdido: todo o contrario. Aí están as cancións, aí está o disco e sairemos a tocar cando poidamos". O parón obrigoulle a cancelar a xira de presentación, con concertos adiados xa para o ano que vén. Porén, cre que poderá retomar a actividade e que se prolongará a vida en directo dun álbum co que, unha vez consolidado en Galicia, quere seguir medrando na península e máis aló.

No seu caso, o lado positivo está máis no persoal, logo duns anos moi axitados: "Atopei o tempo necesario, por unha parte, para desenvolver algún proxecto que tiña aparcado desde hai moito tempo. Por outra, estes últimos días tamén reflexionei acerca de que levabamos desde 2016 embarcados nunha xira sen paradas, con máis de 200 concertos. Así que, nese sentido, tamén agradezo non estar subindo outra vez en avións e furgonetas".

| Hard GZ

O rapeiro galego con máis pegada fóra do país lanzou a semana pasada Siempre,o seu primeiro disco cunha gran discográfica, BMG. Hard GZ xogaba xa antes na ligas dos millóns de reproducións nas plataformas dixitais, así que non está a ter moita dificultade para chegar ao seu público. Ademais, xa viña lanzando adiantos dende hai meses e tiña material audiovisual preparado para a traca final. O problema, apunta, está na parálise dos directos, pero agarda e "traballa duro" para cando as restriccións pasen. No eido das vantaxes, apunta:

"Este álbum é bastante profundo, de darlle voltas ás letras e reflexionar. Durante o confinamento pouco máis podes facer, se foran tempos "normais" este tipo de canción tardaría máis en calar no meu público".

| Malraio

Logo da visión de dous músicos totalmente profesionalizados, Malraio aportan as perspectiva dos creadores curtidos no underground. Estes días, tras un longo proceso de creación e gravación, lanzaron no seu Bandcamp Demo, o seu primeiro traballo de longa duración. Enfróntanse á dificultade de obter visibilidade na maraña de directos e versións que estes días ocupan as redes: "Hai certa saturación de oferta cultural, e quizáis non era o mellor momento para sacalo, en termos de márketing. Pero menos mal que nos adicamos a facer cancións e non ao márketing". Analizan a situación, ademais, coas luces longas que dan o anos: "Nós non pensamos a curto prazo, somos vella escola. Se fixemos as cousas ben, se as cancións molan, o disco terá o percorrido que se mereza. Se non, haberá que facelas mellor para o seguinte". Outra cousa boa do confinamento foi que un colega con tempo tivo a ben facerlle un fantástico vídeo para 'Ninja'.

| Xan Campos

O pinanista cangués, un dos músicos galegos de jazz máis destacados da última década, botou catro anos preparando Realismo, a súa volta ao formato trío logo do moi progresivo ESD. "Evidentemente a repercusión e o percorrido non son os que poderían ser en condicións normais. É un parón en seco e, aínda que quizais se poidan sacar froitos máis adiante, o golpe vai ser grande", comenta. O que máis lle doe é non poder tocar en directo: "Os concertos son o obxectivo último de todo o que facemos, e ademais é onde vendemos máis discos (...) Esperamos que todas as datas se poidan facer no futuro, pero sempre queda a incerteza".

O pianista sinala a dependencia das redes para gañar visibilidade, e lamenta a súa escasa vocación youtuber. Pero algunha cousa boa tamén rescata, ademáis de ter máis tempo para a promoción: "O sentir a solidariedade e o compromiso dalgunha xente coa cultura. Como exemplo podo dicir que moitas das persoas que compraron o noso disco en Bandcamp pagaron máis do prezo estipulado. Agradécese moito".

| SonDaRúa

O grupo de hip-hop de Ponteareas publica este mesmo venres Eterno Combate, no que redrobran a súa aposta pola crítica social e incorporan, coma no tema homónimo, ritmos reggae. É este un disco importante para consolidar un proxecto que vén gañando pulo dende a súa creación en 2016. Malia a cancelación dos directos e o retraso na venda física, non perden o optimismo: "Somos positivos, non consideramos que sexa traballo perdido, se o disco funciona na rede xa haberá tempo para que funcione a todo os níveis", salientan, logo de remarcar o tempo que lle están a dedicar ás súas redes sociais. "Obviamente non é o lanzamento soñado que tiñamos, co concerto de presentación cancelado e demáis. Para todas as compañeiras do ámbito cultural está sendo unha situación complicada, mais seguro que sairemos desta".

| Rubén Reinaldo & Kely García

Este dúo de guitarristas de jazz estivo anos traballando en Acuarel, o seu primeiro disco, un álbum conceptual no que as súas dúas Gibson son as únicas protagonistas.(Para os interesados, a edición física virá acompañada das partituras, que tamén se poden descargar se se compra a dixital no seu Bandcamp). Non ocultan o pau que sentiron ao ver como o destino afecta a un traballo de tanto tempo, pero tamén queren ver o lado positivo: "Estamos a sentir un cariño moi especial da xente, que se lanzou a escoitalo e a mercalo, xa que perciben o gran golpe que nos supón". A vantaxe, contan, é o detalle co que o público está gozar das cancións. "Sinte que lles axuda, quizais por iso chegamos de especial xeito a países moi afectados como Italia, Francia ou Estados Unidos. Temos un número de oínte asombroso de Nueva York".

| Chisme

Fernando Epelde, tamén dramaturgo e actor da compañía Voadora, publica hoxe Todo es ficción (un título moi acaído), no que logo de experimentos varios volve a un formato próximo ao de canción pop. O creador non se detén en lamentos: "Decidimos seguir adiante cos plans previstos e imos explorar todo o que a tecnoloxía pode ofrecernos para presentar a nosa música desde casa, sobre todo agora que, aínda que algúns se empeñen en negalo, resulta obvio que a precisamos máis que nunca". Chisme, reflexiona, é un produto consecuencia do tardocapitalismo: "Somos sostibles porque consumimos poucos recursos, porque somos individuais. É por esa razón que cada vez hai menos bandas". Confía nas ferramentas tecnolóxicas para, ao marxe da industria, levar a súa música ás casas.

Compartir el artículo

stats