Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De bicos, bicos... e máis bicos

Primeira entrega dos 'Versos para ler e soñar' do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

A bolboreta

debuxa un beixo

con moitas cores

nalgún espello.

Beixo amarelo

de noz e mel,

brinco na brisa,

luz de papel.

A bolboreta

debuxa un beixo

que rouba ao aire

moitos insectos.

Beixo violeta,

vivo lunar,

onda nas nubes,

choiva no mar.

A bolboreta

debuxa un beixo

que cando soa

racha o silencio.

No bico, unha estrela;

na estrela, un cantar;

no cantar, uns beizos;

nos beizos, o mar.

No mar dos teus ollos,

uns ollos de sal;

no sal, os menceres;

menceres de paz.

III

Eu vin un bico no vento

que estaba a chiscarme un ollo.

Era un bico brincadeiro.

Era un bico ledo e louro.

Tentei collelo na man

e pousalo no meu rostro.

El preferiu camiñar

polo vento mudo e tolo.

Eu quedeime sen o bico,

que, se cadra, tiña dono.

A ese bico pillabán

non o afasto dos meus soños.

¡Dous e dous son catro bicos.

Seis e seis son moitos máis.

Pero a ti, nena fermosa,

un cento che quero dar.

Tes uns ollos feiticeiros

que semellan de cristal;

tes uns beizos de mapoula

que sempre quixen bicar.

Cinco e cinco son dez bicos.

Dez e dez son moitos máis.

Pero a ti, nena fermosa,

un millón che quero dar.

Compartir el artículo

stats