Tempos de confinamento, tempos para a cultura, inda que sexa virtual. Tamén a través das redes sociais. Que o Día das Artes Galegas 2020 cadre neste momento de non poder pisar museos nin exposicións non quere dicir que non se celebre. A Cidade da Cultura argallou un fío de Twitter para lembrar a vida e obra do autor homenaxeado este ano, o aquitecto barroco Domingo de Andrade. Foi o popular tuiteiro e divulgador cultural El Barroquista o encargado de elaborar as publicacións, coa colaboración de Miguel Taín, da USC.

Famoso por obras coma a Torre do Reloxo da catedral de Santiago, a 'Berenguela', De Andrade está considerado unha figura sobranceira do Barroco europeo. No fío repásanse algunhas das súas obras, como a icónica escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego, ademáis de curiosidades sobre o seu periplo vital e a súa influencia sobre a seguinte xeración de arquitectos.

Pola súa banda, a Real Academia Galega de Belas Artes realizará ao longo do ano unha serie de actividades e xornadas para difundir e pór en valor a vida e obra de Domingo de Andrade. Ademais, prevé celebrar esta efeméride cun acto académico no Hostal dos Reis Católicos, cuxa data fixará segundo a situación do coronavirus.

En colaboración coa Fundación Catedral, a academia tamén prevé organizar un acto para o descubrimento dunha placa conmemorativa na tumba de Andrade, situada na Capela da Concepción da Catedral de Santiago. Entre outras cuestións, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), organizarase unha exposición itinerante sobre a obra de Andrade, na que xa están a traballar os comisarios.