O mesmo día que se inauguraba a ponte entre Salvaterra (Pontevedra) e Monçao (Portugal), nacía un dos proxectos culturais e escolares transfronteirizos máis destacado de Europa: Ponte nas ondas! Era o 29 de marzo de 1995, hai xusto 25 anos.

FARO DE VIGO informaba nunha columna o día anterior que escolares de ámbalas dúas ribeiras farían doce horas de radio dende a emisora portuguesa Ecos da Raia no dial 90.6 da frecuencia modulada (FM). "A radio escolar pode constituir un feito decisivo na eliminación das fronteiras humanas entre os dous pobos", sinalaba entón Santiago Veloso, un dos profesores a cargo da organización de Ponte nas Ondas.

Un cuarto de século despois, a iniciativa segue en pé, vizosa, inda que este ano a ameaza do coronavirus chafase un bocado a festa, unha celebración que ía ser por todo o alto o pasado día 27. Non obstante, non teman, os 25 anos de PNO han de celebrarse, inda que sexa un pouco máis adiante.

En todos estes anos de historias, o proxecto ten conseguido diferentes recoñecementos, mesmo da Unesco, a través do European Bureau for Lesser Used Languages por promove-los dereitos lingüísticos e a herdanza cultural; ou cando no ano 2026 a asociación Ponte nas Ondas foi incluída como consultora para o Patrimonio Inmaterial.

Outra condecoración destacada foi o Sello de Buena Práctica Iberoamericana, do Ministerio de Cultura español "pola calidade da experiencia ó explorar enfoques innovadores adecuados ó contexto no cal se desenvolve"; sen esquecer un Premio ONDAS e o Premio Galicia Comunicación.

A loita da ONG por que os escolares de Galicia e Portugal respecten, conserven e dean a coñecer o Patrimonio Inmaterial faise forte cada ano. Para este exercicio, a organización combatirá o confinamento polo coronavirus con retos como a terceira edición do concurso As imaxes do patrimonio.

O certame consiste en recuperar fotos antigas das familias. Estas imaxes deben ser dixitalizadas. As familias teñen que redactar un texto coa imaxe. Deben amosarse aspectos do patrimonio cultural que apareza documentado na instantánea de maneira que as novas xeracións aprendan costumes que xa non lles son coñecidas.

"Precísase que a xente máis nova coñeza o seu pasado recente e que sexa quen de interpretalo", subliña a organización que premiará ós gañadores. Na categoría de Educación Infantil e Primaria, o primeiro galardón suporá un ordenador portátil; o segundo, unha tablet; e o terceiro, unha cámara dixital compacta.

Para os participantes da ESO, Bacharelato ou Formación Profesional, o primeiro premio será unha computadora portátil; mentras que o segundo premio terá unha table de dez pulgadas e o terceiro, unha cámara dixital.

Este concurso online ponse en marcha este 29 de marzo e estará en marcha ata xuño. Máis información, aquí.