Ezequiel e Xeremías sempre foron os profetas do exilio. E no exilio viven dende hai máis de cen anos en Galicia na forma de esculturas de pedra que naceron da excepcionalidade do Mestre Mateo para a Catedral de Santiago pero que, por diversas vicisitudes, foron cambiando de mans ata protagonizar dende o 2017 ata agora un dos culebróns xudiciais máis resonados. Este consiste na demanda para que a familia dos Franco as restitúa como bens públicos e o posterior xuízo que lles deu a razón ós herdeiros do ditador en febreiro do ano pasado.

Dende o Consello da Cultura Galega, ofrecen a crónica da viaxe destas dúas esculturas e das outras tres pezas procedentes da desmantelada fachada do Pórtico da Gloria fundamentándose nunha ampla documentación achegada polo historiador da arte Francisco Prado-Vilar. O fin é amosar probas documentais que evidencian que as tallas si son de tódolos galegos.

Orixe

No 1521, o arcebispo Alfonso III Fonseca mandou reformar a fachada occidental da Catedral de Santiago, entre outras obras. Ó instalar as portas nas tres entradas exteriores do nártex do Pórtico da Gloria, tiveron que retirar as tres parellas de esculturas que ocupaban as xambas planas en cada unha delas. Foron movidas as dúas efixies dos reis de Israel (David e Salomón) e pasaron ó pretil da escalinata.

Pola súa parte, os profetas Enoc e Elías (que ata ese momento estaban na entrada central); Ezequiel e Xeremías (na entrada sur), máis a efixie de Santiago "miles Christi" (cabaleiro de Cristo), foron levados ós xardíns do Colexio de Santiago Alfeo. Este edificio leva hoxe o nome de Pazo de Fonseca. Alí quedaron as cinco figuras ata finais do século XVIII.

Do Pazo de Fonseca en Compostela ó Pazo de de Ximonde en Vedra

Posiblemente foi Pedro de Cisneros, rexente perpetuo de Santiago, quen levou as esculturas do Pazo de Fonseca ó Pazo de Ximonde en Vedra. Este pazo herdárao de seu pai Juan Antonio Cisneros de Castro a quen o rei Carlos III lle concedera o título nobiliario de Ximonde.

Colexio de San Clemente en Santiago

No ano 1909, as esculturas de Enoc, Elías e Santiago miles Christi foron levadas ó Colexio San Clemente en Santiago para a Exposición Rexional Galega. Alía, había un apartado adicado á sección arqueolóxica.

Creación do Museo da Catedral

O cóengo fabriqueiro da Catedral de Santiago, Robustiano Sández, pide asesoramento a figuras como Filgueira Valverde para crear un Museo Diocesano da Catedral e Enoc, Elías e Santiago pasan a estar no depósito da Catedral.

Bouza-Brey trata de salva-las esculturas

Fermín Bouza Frey escríbelle no ano 1946 ó director do Museo Arqueológico Nacional en Madrid para que adquira os "complementos do Pórtico da Gloria" que se atopan en posesión de Santiago Puga Sarmiento, conde de Ximonde (Gimonde) xa que varios negociantes cataláns se ofrecen a mercarllas.

O director do Museo Arqueológico Nacional accede a compralas inda que di que, neses momentos, non teñen diñeiro. Tras moitas negociacións, o director do museo madrileño comunica a Bouza Brey que o padroado aceptou o pago pero a compra en firme nunca se chega a materializar por dilatarse o proceso.

O Concello de Santiago merca as efixies dos "profetas do exilio"

Como as negociacións co Museo Arqueológico Nacional non chegan a culminar, o Conde de Ximonde, curmán do alcalde de Santiago, decide vender ó Concello as dúas esculturas de Ezequiel e Xeremías no 1947.

Tras un proceso longo e estricto asinan a escritura de compravenda o Conde de Ximonde e do alcalde de Santiago ante o notario Gonzalo Rey Feijoo en xuño de 1948.

Tras vender esas dúas esculturas ó Concello, o conde de Ximonde decide sacar do museo da Catedral as outras tres que estaban alí en depósito, Enoc, Elías, e Santiago Cabaleiro, para facilitar a súa venda.

"Iníciase así un episodio digno dunha novela de misterio, onde o comisario de Patrimonio, Manuel Chamoso Lamas, manda á policía pescuda-lo paradoiro das esculturas. Finalmente aparecen nunha finca das aforas de Santiago do sogro do alcalde", explica Prado Vilar.

O Museo de Pontevedra compra as outras dúas figuras

No 1954, a Condesa de Ximonde coa intervención de Xosé Filgueira Valverde, e Francisco Javier Sánchez Cantón, consegue que as efixies de Enoc e Elias fosen adquiridas polo Estado para o Museo de Pontevedra.

Nese 1954, as autoridades do Concello de Santiago deciden agasallar a Franco coas dúas esculturas que pertencían ó Concello, e deciden o seu traslado ó Pazo de Meirás.

Exposición Internacional de Arte Románica no 1961

En Santiago, celébrase a Exposición Internacional de Arte Románica, da que dá conta o NO-DO. No catálogo da mostra, aparecen por primeira vez as figuras dos profetas Ezequiel e Xeremías do Mestre Mateo, que tiñan "desaparecido" silenciosamente do Concello de Santiago en 1954, como propiedade de "S.E. el Jefe del Estado".

O NO-DO amosa as figuras no xardín do Pazo de Meirás

En setembro de 1964, o NO-DO, nunha reportaxe, amosa as esculturas de Ezequiel e Xeremías nos xardíns do Pazo de Meirás mentras Franco condecora uns nenos. "O seu traslado a Meirás produciuse en circunstancias escuras nas que posiblemente unha 'cesión temporal sen papeis' se transformou nunha posesión 'de facto' do Xefe do Estado, cuxo 'título de propiedade' se fixo público no catálogo da Exposición Internacional de Arte Románica de 1961. Por motivos explicados en episodios anteriores, as esculturas non regresaron a Compostela nese ano para ser exhibidas fisicamente, senón en foto", indica o Consello da Cultura Galega.

1978, incendio en Meirás

Material fílmico inédito amosa -segundo o Consello da Cultura- que, "cando se inicia o lume no Pazo de Meirás na noite do dezaoito de febreiro de 1978, as esculturas permanecían nos seus lugares no xardín, flanqueando a entrada do gran salón onde se celebraron os consellos de ministros, mentres o piso superior estaba sendo devorado polas lapas. Ningunha das numerosas crónicas publicadas nos días seguintes dá conta detallada das obras de arte en perigo, rescatadas ou perdidas, nin menciona os profetas do Mestre Mateo, condenados de novo á invisibilidade".

Traslado á Casa de Cornide na Coruña

"A súa próxima aparición pública será no catálogo da exposición que conmemorou o oitavo centenario da colocación dos linteis do Pórtico da Gloria en 1988, onde se lle dan por primeira vez as cuestionables identificacións de "Abraham e Isaac" coa titularidade "Casa de Cornide" (Propiedade da duquesa de Franco)", conclúe o Consello da Cultura Galega.