Kalandraka TV decidiu ofrecer sesións de contacontos gratis a través da súa canle. A primeira oferta foi a do "Coelliño Branco" por Xosé Ballesteros, director da editorial Kalandraka. O turno agora é da actriz e contacontos Bea Campos que ofrecerá dende hoxe na web "O poliño da abeleira".

A previsión, segundo explicou Bea Campos, é que a xente que queira poida seguir este conto na canle de Kalandraka TV. Non hai que ter medo a perdelo, o contido seguirá aí reservado para cando poidades.

"Este, explica Campos, é un conto tradicional que non é moi coñecido. Con este proxecto de "Contos contados" en Kalandraka TV queremos estar á altura da situación e ofrecernos a axudar ás familias. Cremos que é unha maneira de que os contos tradicionais se coñezan, pero tamén contaremos contos de autor,historias de álbumes ilustrados. A idea é que tódolos días nenos e familias poidan disfrutar dun conto. Era algo que na nosa canle non tiñamos. Tiñamos outro tipo de contidos que inda están como cancións de Migallas".

"O poliño da abeleira" está ben pensado para estes tempos estranos. Nel, o poliño pide axuda á mamá e a outros animais para sentirse seguro.