Tras varios meses de espera trala publicación do seu último disco, "O ciclo da serpe", ó fin Dios ke te crew pisan escenario en Vigo. Será este sábado día 29 no Master Club, a partir das dez da noite.

Os pioneiros do hip hop en galego debullarán o álbum no que o símbolo do uróboro fai presente o eterno retorno, a natureza cíclica das cousas, tal e como explicara Sokram a FARO nunha entrevista publicada coa saída do disco. De feito, "Uróboros" é un dos temas do longa duración.

A irreverencia e mensaxe directa son as armas desta banda que avisan no tema de apertura de "O ciclo das serpe" das súas intencións. O tema "Silencio" escomeza con "Vimos para dicir o que non se dixo. Cantas veces calas? Cantas veces non falas diso?", avisando de que "non é momento para o renuncio".

No disco tratan diversos temas como a falla de liberdade de expresión e a realidade política do Estado e de Galicia. No caso da canción "Plus Ultra" erguen a voz para dicir: "Benvidos a España, país de estafadores".

A banda procedente de Ordes repasará "O ciclo da serpe", onde os sons electrónicos pegan forte; para lembrar hits de anteriores traballos.

No aire, a incógnita de se tocarán os seus clásicos como "Dios ke te crew" do álbum "Xénese" de 2006 onde se presentaba a banda, disco no que se incluía un referente: "Herdeiros da ditadura".

As entradas para o concerto de Vigo, a 15 euros, 24 euros co disco, están á venda na web de Eventbrite.