O Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo acolleu onte o acto de entrega de premios do 2º Certame Imaxes para o Patrimonio de Recollida de Fotografías do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Foi nun evento conducido polo narrador e poeta Lois Pérez, que abriu o acto cun emotivo recordo da súa propia infancia e avoa, ilustrado con imaxes do seu arquivo familiar.

"A min gustábame ir á escola", dicíalle a súa avoa a Lois Pérez, "pero ás veces non podíamos porque tiñamos que ir coas vacas". Posteriormente, o alumnado premiado fixo lectura dos textos explicativos das imaxes galardoadas. E a festa concluíu cunha actuación de Cé Orquestra Pantasma.

O obxectivo prioritario da convocatoria era axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común. Con esa finalidade, propúxoselles que buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da memoria colectiva.

Na categoría Ensino Primario/Ensino Básico, Yaiza Marina González de Oliveira, do CEIP A Ponte (Lugo) gañou o 1º premio; Abel González Ramilo, do CEIP da Cruz de Camos (Nigrán), segundo, e terceiro para Ada Goyanes, do CEP Sabarís (Baiona).

Na categoría de Ensino Secundario, 1º Premio para Rocío Dagraza Alonso do IES de Mos; 2º para María Fernanda Fernández Gómez, do IES de Valadares (Vigo), e 3º para Ana Romero Rodríguez do IES Terra de Turonio (Gondomar).

Accesits para Lucía Fernández Pérez e Yashira Álvarez Ramírez, do IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas). O Premio Especial á escola que enviou o conxunto de fotografías pols grande relevancia polo seu contido: foi para o CEIP San Ramón de Moeche. O evento didáctico forma parte do programa PNO! Ponte... nas ondas!