Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

E choveron billetes

A versión teatral de "Fariña" brilla no seu retrato divertido e cru da permisividade

A sociedade galega está condeada a repeti-los seus erros? Iso parece tras ver sobre as táboas a versión teatral de "Fariña" con Nacho Carretero na produción; e os actores María Vázquez, Cris Iglesias, Marcos Pereiro, Sergio Zearreta e Xosé A. Touriñán. Se o público ía coa ilusión de ver un resumo da serie televisiva, o erro non podía ser maior.

No reverso dos billetes XXL do Banco de Fariña que agardaban na entrada do Teatro Afundación en Vigo, xunto ó photocall con fardos, xa o deixaba ben claro un texto de Nacho Carretero: "Hai que ofrecer algo novo que nin un libro, nin unha serie, nin unha novela poden aportar".

E abofé que o lograron. Preto de cincuenta personaxes pasaron sobre o escenario con cambio vertixinoso de escenas. Nembargantes, o personaxe principal estaba sentado nas butacas: a sociedade galega, a mesma que (oh, milagre, case encheu o teatro vigués en tres funcións en dous días cunha obra en galego).

A "Fariña" teatral percorre a sociedade galega dende tempos antigos amosando a súa necesidade de traficar con cousas dende séculos. A banda sonora, coa canción de Novedades Carminha, interpretada en directo polos actores, "Que mal vai ter?", borda e resume o argumento.

Si, esa sociedade e a súa recente historia-presente foi retratada nas case dúas horas de actuación que se fan livianas, non etéreas, porque a miseria humana que se describe pesa demasiado para levitar aínda que a fariña, o chocolate ou o cabalo corporizados en personaxes o intenten.

Velaí un acerto e punto forte do espectáculo, da dirección de Tito Asorey e o texto de José L. Prieto, ó convertir a Marcos Pereiro no risueño e marroquino haxix ou á viguesa María Vázquez na suxerente, incisiva e ameazante cocaína, con cadanseu monólogo. Ámbolos dous convencen pero é Vázquez quen brilla co seu branco traxe, o seu acento caribeño e as súas gañas de festa.

Tamén brilla a actriz nas escenas dramáticas -tralas tebras do monólogo da heroína de Touriñán- onde se converte en tódalas nais. Dende a butaca, a verbena, o subidón postmoderno e a beatificación dos narcos retiran o disfrace para afronta-las mortais consecuencias.

Dende o primeiro minuto ata o final, tódolos actores meten o público na historia, axudados dunha iluminación e unha escenografía industrial extraordinarias (de Coti e Laura Iturralde) que recrean os ambientes de festa, desolación. Fagan por ver "Fariña"; é un anaco da nosa historia e presente; reflexionen. Quizais lles mude o xeito de ollar.

Compartir el artículo

stats