Logo de facerse virais dende os camerinos do festival Celtic Connections e de que o seu primeiro disco homónimo fose recoñecido como o mellor en galego do 2018 nos Premios de la Música Independiente, as Tanxugueiras están de volta coa súas pandeiretas e as súas voces. Pero veñen cun son renovado: 'Perfidia', segundo adianto do que será o seu segundo álbum, Contrapunto, soa máis crú, máis actual, máis urbano. Unha estética musical que se traslada ao vídeo, gravado en Pontevedra.

"Inda non vin a tristura dar de comer a ninguén", cantan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro en 'Perfidia', coa lírica baseada na tradición popular e con harmonías tan ásperas como coidadas. Unha canción que sitúa a música tradicional galega no aquí e agora.

Contrapunto publícase o vindeiro 22 de novembro da man de Calaverita Records e PlayPlan e unha semana despois farán en Mos a primeira presentación en directo. Logo pasarán por outras tres localidades das restantes provincias, Burela, Celanova e Santiago de Compostela.