Non hai excusa para pasar de vela. Touriñán e compañía botarán o resto esta fin de semana en Vigo para que a versión teatral de "Fariña" chegue ó maior número de persoas posibles. En total, tres funcións entre este sábado e domingo, cunha sesión medio golfa incluída ás once da noite para aqueles que saian tarde de traballar; e outra ás 20.30 do sábado e unha ás 18.00 do domingo.

Nesta ocasión, a obra teatral promete moita máis conexión co libro de Nacho Carretero, fixándose no social. Para aquelas persoas que pensen que falarán abertamente do Celta de Malborough (en alusión ós directivos do equipo de fútbol que como Terito xogaban a partida no tabaco de batea), Touriñán bota por terra esta fantasía.

Sobre as táboas, o elenco da obra (dirixida por Tito Asorey e con Touriñán, Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta e Cristina Iglesias) representará 50 roles distintos. En canto ás escenas da viguesa María Vázquez (premiada esta semana no Cineuropa), Touriñán explica que "se hai unhas verdadeiras protagonistas na Fariña teatral son as nais. María fai dunha nai e moitas que viviron iso e que se ergueron contra o que pasaba".

Pero non queda aí a súa aportación. "María fai un personaxe marabilloso e surrealista tamén. Nunha festa, fai da cocaína como se fose a droga, nun monólogo", explica Touriñán.

El poñerase o 'hábito' do vello contrabandista de tabaco que non quere entrar na droga; así como de garda civil e da heroína. "Inda que en 'Fariña' non se trata do tema da heroína, é unha das protagonistas, porque a maioría dos rapaces morreron por ela", engade.

Nesta ocasión, a canción da banda sonora será máis implacable cun hit dos Novedades Carminha que conecta co fin da obra: poñer ó espectador na situación de pensar que faría naquela altura ante a tentación do diñeiro fácil. "Queremos ensinar como era a sociedade do cambio do tráfico de tabaco á droga, aquela sociedade que era toda unha festa cando empezan a morrer os rapaces e co obxectivo de que isto non acabou. Din os datos que nunca entrou tanta droga coma a que está entrando", avisa.

Sobre a letra de Novedades Carminha, "Que mal vai ter" (engadindo "se dá de comer), Touriñán sinala que "esa canción reflícteo moi ben. Non había cartos e calquera excusa valía para traficar porque todos se xustificaban", conclúe.

A conexión viguesa sobre as táboas

Pero a banda sonora e as interpretacións non son só o prato forte da obra. Os vigueses José Faro "Coti" e Laura Iturralde tamén traballaron, e moito, a escenografía, audiovisuais e iluminación.

Sobre a escenografía, Coti sinala que ten "unha estética industrial" que se vencella a unha idea: "Galicia como máquina de facer diñeiro". Por iso, o público asociará o escenario ás factorías dos anos 70 no naval e nas industrias pesqueiras de Vigo.

Nese ambiente, unhas mesas con rodas pemitirán o movemento dos actores nas distintas escenas. "O cambio de escenas fén definido pola entrada e saída dos actores", pero "a escenografía que preparamos reforza a dramaturxia", sinala José Faro, para quen actuar no Teatro Afundación é un soño.

Pola súa banda, Laura Iturralde sinala que se proxectarán imaxes de arquivo que amosan "cousas que se contan no libro" como as protestas das nais antidroga; así como imaxes captadas polas cámaras en directo, con entrevistas e novas retransmitidas. O fin, reforzar tamén a dramaturxia porque "suma á parte plástica da obra".

O fin: contar algo novo

Sumar é quizais a lanza de combate desta obra. "O que tiñamos como premisa clara era que se o trasladabamos ó teatro, tiñamos que contar algo novo, non podiamos facer algo parecido á serie. Tiñamos que utilizar o teatro para aportar algo novo. A chave de utilizar distintos formatos é que se complementen e que cada un conte algo novo e propio", explicou a FARO Nacho Carretero.

O autor deixa claro que "a serie e o teatro son cousas distintas. O que aproveitamos do teatro é a cercanía e a interacción co público". De feito, Touriñán subliña que este último terá un papel importante, pero sen desvelar como.